Gael e Prior: ‘domingueiros’ na ría de Arousa

Gael e Prior, este domingo na ría de Arousa. (Foto: Pablo Covelo / Cemma)

O  Grupo de investigación internacional Orca Atlántica-GTOA  identificou os dous exemplares de candorcas que entraron na Ría de Arousa

O Grupo de investigación internacional Orca Atlántica-GTOA identificou os dous exemplares de candorcas que entraron na ría de Arousa.

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) explicou, nun comunicado, que mediante o catálogo que ten GTOA de FotoID, composto por 35 exemplares da subpoboación ibérica, puido comprobar que se trata do exemplar macho Gael, de dez anos, e do seu irmán Prior, que ten seis.

A continuación, puntualizou que estas candorcas "non foron observadas nunca" interaccionando cos barcos pesqueiros ou veleiros e explicou que o seu carácter é "moi tranquilo e pacífico". “Non son Gladis”, afirman desde o Cemma. “Non son as responsábeis da interacción co veleiro francés Nipozo”.

Este ano víronas no estreito de Xibraltar e Gael entrou, a comezos de ano, na costa marroquí cunha sedela e un anzol cravado nun costado.

Estas candorcas, detallou o Cemma, pertencen a unha "pequena comunidade" denominada polo GTOA como 'Comunidade E', composta por catro exemplares que, neste momento, non son observados xuntos.

O avistamento

O avistamento produciuse o pasado domingo, 20 de agosto, nas inmediacións da illa de Sálvora polos participantes nunha actividade de observación de aves a bordo do barco Chasula.

Os dous exemplares de candorca dirixíronse ao interior da ría pola súa cara norte, moi próximos á costa, estando na zona do Touro, en Ribeira (O Barbanza) a menos de 200 metros da liña de marea, e a última hora da tarde saíron polas inmediacións de Noro.

Desde a embarcación deron aviso a Salvamento Marítimo que mobilizou embarcacións da Garda Civil, Cruz Vermella e Club Náutico de Ribeira para facer un seguimento.

Ademais, alertaron ás embarcacións da zona, custodiaron que ninguén se achegase e informaron a Salvamento Marítimo e ao Cemma da evolución dos cetáceos. Con todo, a última hora da tarde do domingo un barco do IEO-CSIC comprobou que saíran da ría de Arousa. Isto é, Gael e Prior só pasaron o domingo en augas arousás.

“Un operativo posto en marcha de xeito improvisado pero que deu os seus resultados evitando molestias ás candorcas e sen consecuencias do seu paso por Arousa”, afirman desde o Cemma.