Gadis reúne máis de 200 ONG nun foro solidario para abordar "os retos do futuro"

Participantes no foro solidario de Gadis. (Foto: Europa Press)
Representantes de máis de 200 organizacións coas que colabora de forma activa en diferentes ámbitos participaron no evento.

Gadis organizou esta quinta feira o segundo foro con ONG e entidades de índole social da Galiza e Castela e León na Fundación Juana de Vega, no concello de Oleiros, co obxectivo de fixar os seus "retos solidarios para o futuro".

Representantes de máis de 200 organizacións coas que colabora de forma activa en diferentes ámbitos déronse cita, tanto de forma presencial como vía telemática, para "intercambiar experiencias, afondar nas súas respectivas áreas de traballo e fomentar a aprendizaxe mutua".

"Promovendo este espazo de encontro e de diálogo, a compañía quere, ademais, dar un altofalante ao importante labor social que prestan e facela visible para toda a sociedade", detallou nun comunicado.

A directora de Marketing e RSC de Gadisa retail, Melisa Pagliaro, inaugurou o foro cunha intervención que xirou en torno ao valor da solidariedade en Gadis. "Un valor que crece ano a ano e que se articula no programa de Responsabilidade Social Corporativa, que en 2021 alcanzou as 1.650 accións", explicaba a dirixente do grupo de distribución alimenticia.

Premio por fomentar “un estilo de vía saudábel”

Os Supermercados Gadis recibiron o pasado mes de xuño un premio do Clúster Alimentario da Galiza por "potenciar un estilo de vida saudábel" a través das súas redes sociais.

A coordinadora de Marketing Dixital e Contidos de GADISA retail, Alexandra Kuntz, recolleu este galardón, que "referenda a aposta de Gadis por xerar un impacto positivo na sociedade, neste caso, contribuíndo a fomentar un estilo de vida activo e saudábel que xera maior benestar", segundo explica a compañía nun comunicado.

A compañía detalla que aborda esta cuestión "transversalmente", sendo un dos eixos do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa.

Nos Supermercados Gadis, ademais, "incentívase a compra de produtos frescos e de tempada, así como a venda en mostrador tradicional, que evita o desperdicio incidindo nun consumo máis responsable e axustado ás necesidades dos clientes".