O futuro da moda galega loce as súas mellores galas no desfile 'Despunte'

Deseños de Sofía Rivas, Nicolás Denis e Alicia Gómez que desfilarán hoxe na pasarela do 'Despunte'. (Fotos: Miguel Crujeiras / SayPapaya / Lucía da Cunha)
Despunte reúne os mellores proxectos da EASD Mestre Mateo.

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Compostela reúne esta quinta feira a elite do Deseño de Moda da Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Mestre Mateo na XIII edición de "Despunte". Un total de 27 coleccións dos Traballos Finais de Estudos de alumnas e alumnos que veñen de graduarse desfilarán pola pasarela do Gaiás, "unha oportunidade para darlle visibilidade" ás súas obras, en palabras da deseñadora e xoieira artesá Sofía Rivas a Nós Diario.

Das temáticas máis variadas, "Despunte" mostrará coleccións de inspiración histórica e literaria, como a fusión entre a arte a cultura da América precolombina, ou a obra de William Shakespeare Romeo e Xulieta, que se mesturaron coa temática tradicional, cotiá e social, como a reinterpretación do traxe tradicional galego ou de relatos intimistas que narran historias persoais dos máis achegados. 

Tamén a morte e o loito atoparán un lugar na pasarela, así como a desigualdade social ou a loita de clases, en contraposición a temas máis desenfadados de tipo conversacional, como as "glamurosas" noites no famoso Studio 54 de nova York.

Con todo, a Mestre Mateo non só presumirá esta quinta feira da calidade do seu alumnado de Moda. Tamén estudantes do Ciclo Formativo Superior en Xoiaría Artística participará no desfile, ben a través de pezas escultóricas adaptadas ao mesmo –todas elas co encaixe de Camariñas como punto en común–, ou achegando pezas que complementen os deseños de moda.

Este último é o caso de Sofía Rivas, cuxa colección Roupas Brancas acompaña de xoias que deseñou e elaborou en SOFO, o seu taller de Ribeira (O Barbanza), de maneira específica en sinerxía cuns deseños nos que reinterpreta o traxe tradicional galego. "O Despunte é unha oportunidade para impulsar o traballo que fixemos na escola e darlle visibilidade ás nosas creacións unha vez entramos no mercado profesional", explica Rivas.

Sinerxías

Para Alicia Gómez, estudante de Moda cuxo proxecto inspirando no mundo de Alicia no país das marabillas de Lewis Carroll desfilará esta quinta feira no Gaiás, o "Despunte" é "como fechar un ciclo" pois, durante a súa formación, colaborou na organización da iniciativa a distintos niveis e agora "tócanos a nós subir á pasarela".

E é que toda a escola funciona neste desfile como unha maquinaria engraxada. Alumnado de cursos inferiores participa tamén da organización levando a cabo tarefas que lle achegan, ao rematar a carreira, "unha visión global do que supón organizar un evento destas características", explica a Nós Diario Elisa González, vicedirectora da escola. 

Ademais, alumnas e alumnos do Ciclo Superior de Fotografía serán os encargados de cubrir graficamente o evento, mentres que o peiteado e a maquillaxe dos e das modelos correrá a cargo do alumnado do Ciclo Formativo de Imaxe Persoal do CIFP Someso da Coruña. Para a González, a interrelación de estudantes de distintos campos é "un valor engadido na organización do desfile, o que lle permite ao alumnado unha visión máis rica e ampla".

Ao tempo, os mellores proxectos das especialidades de Deseño de Produto, Fotografía, Técnicas Escultóricas e Xoiaría Artística estarán expostas no Gaiás, como unha mostra do potencial artístico da Galiza

Os primeiros pasos do alumnado no sector profesional

Para as estudantes que teñen a oportunidade mostrar os seus traballos no "Despunte", o simple feito de ver as súas obras na pasarela "xa é premio suficiente", explica a Nós Diario Nicolás Denis, estudante da Mestre Mateo cuxa obra inspirada "nas mulleres da súa familia" exporá esta quinta feira na Cidade da Cultura. "Que elas o vexan e se sintan orgullosas para min xa é un éxito", valora Denis. 

Con todo, entre o público do "Despunte" non só haberá familiares e amigas: representantes de marcas de moda galega de renome como Roberto Verino, Naf Naf Santiago ou Franco Quintáns, entre outros profesionais de recoñecido prestixio, premiarán os traballos do alumnado en diferentes categorías. "Que eles poidan valorar os nosos traballos é unha oportunidade única", coinciden as alumnas Rivas, Denis e Gómez.