Funeral en Verín polo peche do paridoiro

Funeral polo paridoiro do Hospital de Verín (Diego Lourenzo Moura)

Milleiros de persoas botáronse de novo á rúa para reclamar que continúe aberto o paridoiro do Hospital Comarcal de Verín, emulando un funeral pola desaparición desta unidade.

Cumprida unha semana da masiva manifestación en Verín pola supresión do paridoiro, continúa por sexto día o peche de profesionais e veciñanza no hospital.

As mobilizacións transcorreron no sábado 7 de decembro dun xeito especial. De loito e portando un cadaleito, milleiros de persoas asistiron ao funeral polo “hospital” convocado ás 17 horas na praza maior de Verín.

A manifestación foi anunciada a modo de necrolóxica, asinada “con premeditación, nocturnidade e perfidia”. Desde o humor, a veciñanza quixo reivindicar o desmantelamento dos servizos públicos que están a sufrir, rezando pola súa alma e agardando “a súa pronta resurrección”.

Conscientes de que non é un feito illado, dedican as pregarias aos “irmáns Hospitais Comarcais, ausentes pola mesma enfermidade”. As persoas manifestantes tamén se lembraron daquelas que están “ausentes por culpabilidade no acto da morte: Feixoo, Almuña, Rubial, Abad e os xefes dos Servizos de Obstetricia e Pediatría do CHUOU”.

 

A protesta levou o ataúde até a estrada de Laza, nos lindes do propio complexo hospitalario, defendendo o dereito de acceso á sanidade no rural.

Os manifestantes pediron repetidamente durante o enterro a dimisión do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, que o pasado 11 de maio de 2019 declaraba nun mitin electoral que non pecharían o complexo: “Estou farto de tantas mentiras. O hospital de Verín, mentres eu sexa presidente, será un gran hospital”.

Unha mobilización unitaria

SOS Sanidade Pública anunciou este sábado 7 de decembro que vai celebrar un encontro a vindeira segunda feira día 9 en Verín para apoiar as mobilizacións e peches en contra da decisión de suprimir o paridoiro. Será ás 17.30 horas no auditorio da vila, aberto a toda a cidadanía.

O obxectivo, afirman, é “mostrar a solidariedade coa área de Verín das numerosas organizacións que veñen loitando desde hai anos na defensa do sistema sanitario público galego”.

Tamén procuran “valorar o desmantelamento dos hospitais comarcais galegos tras a reforma da lei galega de sanidade, destinada a recentralizar o sistema”.

Neste censo, proporán unha mobilización “unitaria” contra la política “de privatización” da Xunta, que se anunciará noutra reunión o día 12 de decembro en Compostela, “onde se valorará tamén o resultado da negociación da reforma da Atención Primaria e a situación de Povisa”.

As declaracións da sociedade de pediatría “responsabilizan publicamente dos sucesos que poidan acaecer ás embarazadas e bebés”, declara o Defensor do Paciente

Sumando apoios

O seu non é o único apoio que están a recibir profesionais e veciñanza. Para alén dos movementos feministas, o Defensor do Paciente manifestou hoxe a súa inquedanza a respecto das “perigosas” declaracións da Sociedade de Pediatría consonte á “inviabilidade” do paridoiro, pois “responsabilizan publicamente dos sucesos que poidan acaecer ás embarazadas e bebés, xa que parece obvio que se poñen do lado da administración esquecendo un perigo latente, na distancia dunha hora para parir”.

“Estas manifestacións non son propias dos que deben velar non polos recortes senón pola seguridade de nai e bebés”, recalca o comunicado remitido aos medios.