Centos de persoas concéntranse en vilas e cidades contra o feche do paridoiro de Verín

Imaxe da concentración en Compostela (Ana Pontón)

'Hoxe en Verín, mañá pásache a ti', unha das consignas nestas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres.

Centos de persoas concentráronse na tarde desta cuarta feira nunha ducia de vilas e cidades galegas para visibilizar o rexeitamento social contra o peche do paridoiro e as urxencias pediátricas do Hospital de Verín.

As protestas estaban convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres para denunciar a "agresión institucional contra as mulleres de Verín" que implican estes recortes adoptados polo Sergas.

Compostela foi un dos escenarios escollidos pola convocatoria. Ducias de persoas déronse cita sobre as 20,00 horas na Praza 8 de Marzo, após unha pancarta nas que se lía 'Verín non se pecha. Recortar os dereitos das nais é violencia. Xunta culpábel'.

As manifestantes entoaron cánticos e consignas como 'Hoxe en Verín, mañá pásache a ti' e 'Servizos públicos e de calidade' para reclamar á Xunta e ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que devolva aos veciños de Verín os servizos recortados no municipio. Tamén portaron carteis con frases como 'Matan o rural e máis sen hospital'.

Imaxes como esta reproducíronse noutros tantos municipios, como A Coruña, Allariz, As Pontes, Betanzos, Celanova, Lalín, Lugo, Monforte, O Carballiño, Ourense, Vigo e na mesma Verín, punto central das protestas.