Análise

Que lle debe Núñez Feixoo a DomusVi?

A Xunta recoñece nunha entrevista que dá por boas as explicacións de DomusVi sobre a vacinación da súa conselleira delegada, Josefina Fernández, e o seu irmán antes da súa quenda.
Núñez Feixoo entregando a Josefina Fernández un premio no Círculo de Empresarios da Galiza. (Foto: Circulo.gal)
photo_camera Núñez Feixoo entregando a Josefina Fernández un premio no Círculo de Empresarios da Galiza. (Foto: Circulo.gal)

A Xunta dá por boas as explicacións de DomusVi sobre a vacinación da súa conselleira delegada, Josefina Fernández. A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou o pasado domingo, nunha entrevista na Cadena Ser, que o Goberno galego non ten ningunha intención de solicitar explicacións á multinacional pola vacinación da súa máxima directiva nin abrir ningunha investigación sobre o acontecido, malia que Fernández non aparecía na lista de persoas a inocular en posesión das autoridades galegas.

As declaracións da máxima responsábel de Política Social veñen coincidir coas expresadas por Núñez Feixoo uns días antes. Nesa ocasión, o mandatario galego respondeu aos medios de comunicación, tras a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que as explicacións sobre a vacinación da directiva de DomusVi correspondíanlle á propia interesada e que en todo caso respectaba a súa decisión.

Porén, os traballadores e traballadoras dos centros de maiores de DomusVi discrepan da posición expresada polo presidente galego e denuncian que Josefina Fernández non ten ningún tipo de relación cos residentes e non desenvolve ningunha tarefa asistencial. 

A defensa fechada da dirección de DomusVi por parte do Goberno galego non é nova. Malia ser o primeiro grupo residencial da Galiza por número de falecidos nas diversas vagas do coronavirus, a Xunta négase a achegar información sobre os expedientes abertos á compañía durante a pandemia

A defensa fechada da dirección de DomusVi por parte do Goberno galego non é nova. Malia ser o primeiro grupo residencial da Galiza por número de falecidos nas diversas vagas do coronavirus, a Xunta négase a achegar información sobre os expedientes abertos á compañía durante a pandemia por parte do servizo de Inspección de Política Social. Neste sentido, as forzas da oposición teñen denunciado as reiteradas negativas por parte do Goberno galego a fornecer a documentación destes procedementos, algúns dos cales foron solicitados no Parlamento no pasado mes de setembro.

O muro levantado polo Executivo de Feixoo para protexer DomusVi non fica aquí. Fontes da Consellaría de Política Social admiten que existe un gran malestar entre traballadores e traballadoras do servizo polos retrasos na resolución definitiva de determinados expedientes de sanción, onde nalgún caso se propoñen multas dunha contía elevada para centros de maiores da empresa. Neste sentido, sospeitan que os responsábeis da Xunta da Galiza están adiando os prazos deses procedementos coa intención de liberar das sancións a multinacional.

Os procedementos contra DomusVi arquivados polo Goberno galego  son numerosos. Un informe do Consello de Contas da Galiza publicado en 2017 daba conta de numerosas infraccións nos centros de maiores desa empresa, algúns dos cales tres anos despois seguían sen seren corrixidos. O plan de inspección de Servizos Sociais da Xunta presentado a semana pasada pola conselleira de Política Social sinala que nos vindeiros exercicios, unha de cada catro residencias non van ser inspeccionadas. 

As dúbidas sobre a conivencia entre DomusVi e o Partido Popular veñen de vello. A este respecto, é coñecida a relación de proximidade entre Josefina Fernández e dirixentes desta formación como Corina Porro ou o propio Alberto Núñez Feixoo. A máxima directiva de DomusVi non oculta a relevancia de Porro no despegue da sociedade e mesmo teno recoñecido publicamente en diversas intervencións. Outro tanto acontece con Feixoo, próximo a Fernández desde os seus anos vigueses e cuxo pai foi residente do centro de DomusVi de Salesas en Teis (Vigo).

Comentarios