A Fundación Profesor Novoa Santos rebaixou até 13% o persoal investigador

As fundacións de investigación sanitaria da Galiza suman perto de medio millar de profesionais: persoal de apoio, de xestión e investigador.

Investigadores sanitarios do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic) denuncian atrancos na súa carreira profesional ante a falta de contratos como persoal investigador.

"Estamos atrapados nunha situación moi grave. Abonda con entrar na web da Fundación Profesor Novoa Santos (FPNS), picar en 'convocatorias de recursos humanos' e comprobar que todos os chamamentos son para persoal de apoio á investigación. Non hai un só contrato de investigador".

Juan Vallejo, presidente do Comité de Empresa da FPNS, denuncia os atrancos continuados que está a sufrir o persoal investigador do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, Inibic, adscrito ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, para acceder e promover a súa carreira profesional. 

A FPNS converteu o persoal investigador da FPNS no máis precario da investigación sanitaria galega

Segundo explica, en declaracións, a Nós Diario, desde que hai un ano se aprobou o convenio colectivo das fundacións de investigación sanitaria da Galiza, a da Coruña, xestora única do Inibic, mantén unha política de contratación que "invisibiliza" o persoal investigador e atranca o seu desenvolvemento profesional ao adscribir a inmensa maioría dos e das profesionais desta categoría como persoal de apoio, sen ten en conta os seus méritos, o tipo de traballo que realiza nin tampouco o convenio colectivo, común para o persoal da FPNS, da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (FIDIS) e da Fundación Biomédica Galiza Sur (Vigo).

Precariedade profesional

"Non foi un convenio fácil de alcanzar", lembra Vallejo. O acordo colectivo chegou despois de dous anos e medio de negociación e "moitas reticencias desde o hospital da Coruña", di. "Naceu co beneplácito da Consellaría de Sanidade para homoxeneizar e asegurar os dereitos do persoal das tres fundacións galegas" un obxectivo que "non se cumpre".

O acordo asinouse o 21 de xuño de 2021. Entón, o titular de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmou que estaba chamado a mellorar as condicións laborais de perto de 500 profesionais das tres fundacións de investigación sanitaria da Galiza, un logro que  non o é para o persoal investigador do Inbic.
Ao contrario, admite Juan Vallejo, desde hai un ano, a falta de interese da FPNS por aplicar correctamente un convenio de mínimos converteu "o persoal investigador da FPNS no máis precario da investigación sanitaria galega".

Profesionais que en Vigo ou en Santiago gozan da categoría de investigadores, na Coruña son considerados persoal de apoio. "Investigadores predoutoriais non figuran como investigadores, tampouco os posdoutorais, o que significa que uns e outros teñen denegado o acceso á carreira profesional que trata de desenvolver o convenio". 

É unha decisión curtopracista e economicista da dirección da FPNS ditada por unha asesoría laboral que guía desde Madrid a súa política de recursos humanos

Esta práctica, destaca Vallejo, reduce a competitividade, a captación de fondos e de talento. "Cando un líder de proxecto quere contratar investigadores non lle deixan, só pode incorporar persoal de apoio. E antes de perder os fondos ou de non poder continuar o proxecto, a xente acaba tragando". Aumenta o desacougo e precariedade do persoal ao tempo que mingua a investigación sanitaria.

"Seguimos a participar nos proxectos de investigación, pero non figuramos, deixamos de facer currículo e de sumar méritos". A súa carreira investigadora profesional esmorece antes de empezar.

"Par min é unha decisión curtopracista e economicista da dirección da FPNS ditada por unha asesoría laboral que guía desde Madrid a súa política de recursos humanos", conclúe Vallejo.

Só constan 20 como investigadores

Após un ano de conversas coa xerencia e a dirección da Fundación Profesor Novoa Santos para tratar de corrixir o déficit de contratos de persoal investigador que acusa a FPNS, o presidente do comité de empresa asegura que "o diálogo está esgotado". Séntense reos dunha entidade que fai o contrario do que presume, din. Antes da sinatura do convenio colectivo a FPNS tiña entre 45 e 50% de persoal investigador. "Agora, de 153 profesionais que constan no censo da empresa só 20 son investigadores, un 13%". Unha cifra moi cativa para unha fundación acreditada polo Instituto Carlos III e que di aplicar a estratexia de recursos humanos para investigadores (HRS4R). 

O BNG levará á Cámara galega e ao pleno do Concello da Coruña as demandas do persoal do Inibic. Tamén a Universidade da Coruña conversará cos órganos de goberno da FPNS para garantir os dereitos laborais do persoal.