O investimento en I+D+i segue a ser unha materia pendente na Galiza. A meirande parte deste labor desenvólvese a través de fundacións sen ánimo de lucro como a do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), a do Instituto de Investigación Sanitaria Galiza Sur de Vigo (Iisgs) ou a Profesor Novoa Santos, que dá soporte ao Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic).
Profesionais destas tres entidades, representadas pola Plataforma galega de traballadoras e traballadores de investigación sanitaria (Plagtis), están a negociar estes días coa patronal das fundacións o primeiro convenio colectivo dun sector que hoxe se rexe polo Estatuto dos Traballadores e non ten unhas táboas salariais mínimas.
"Retomamos as negociacións após un ano e medio, fixemos unha proposta económica que lles pareceu excesiva e a súa contraoferta non é xusta", relata a Nós Diario a investigadora do IDIS Mabel Sampedro.
En concreto, o persoal de investigación da categoría R4, a máis alta (líder e coordinador dun grupo de profesionais), percibiría 35.000 euros máis até 10% adicional segundo os obxectivos.
Esta cifra fica lonxe dos 50.000 que reclama o persoal investigador para este nivel: "Fixemos a comparativa co que paga o Sergas e, por exemplo, un médico acabado de graduar percibiría no seu primeiro ano esa mesma cantidade", apunta, facendo fincapé en que, para optar á máxima retribución na investigación, precísase obter grao, mestrado, doutoramento, posdoutoramento e experiencia internacional. "Os salarios non van parellos á exixencia do cargo e o valor que aporta a investigación á sociedade", expón Sampedro.
No seu centro de traballo hai arredor de 500 investigadoras, das cales só "perto de 10% teñen contrato indefinido". A temporalidade é outra das cuestións nas que Plagtis pon o foco nas negociacións coa patronal, xa que as condicións actuais provocan que na Galiza non haxa "unha carreira investigadora que seguir" e, consecuentemente, as e os profesionais se vexan na obriga de abandonar o país: "Todo o coñecemento adquirido grazas á formación e o traballo dun investigador pérdese cando ten que marchar", salienta.
As investigadoras, á procura de fondos
"As e os traballadores que están a obter recursos para a investigación e mesmo conseguen xerar patentes teñen que pelexar por traer fondos para a fundación, porque é o modo de que repercuta no seu salario", afirma Sampedro, quen engade que boa parte do financiamento da investigación na Galiza "chega grazas ás investigadoras".