A Fruga considera "populista e electoralista" a autorización da caza 'sen límite' do xabarín

A Xunta autorizou a caza 'sen límite' de xabarís en 80% do territorio galego. (Foto: Nós Diario)
"Entendemos que os cazadores poden ser uns grandes colaboradores, pero nunca poden ser os responsábeis de levar a cabo o control dunha posible 'praga'", salientan desde a Federación.

A Federación Rural Galega (Fruga) considera que a declaración de emerxencia cinexética por parte da Xunta para reducir a poboación de xabarís responde a "propósitos electorais" e, malia que recoñece que hai "un grave problema social, económico e mesmo ecolóxico" con esta especie na Galiza, reclama "un estudo rigoroso" para facerlle fronte.

Así se pronuncia esta entidade perante un comunicado remitido aos medios esta terza feira, días despois de que a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aprobase esta declaración que implica a caza sen límites de xabarís en 37 comarcas que supoñen até 80% de todo o territorio galego.

Nese contexto, a Fruga admite o "problema" pero critica que a Xunta deixe "en mans das asociacións de caza" unha cuestión "tan preocupante", porque estes animais inciden na seguridade viaria e a protección civil, entre outros ámbitos. Porén, lamenta a organización, "a Xunta da Galiza toma decisións por 'oídas' ou polas noticias dos medios de comunicación, é dicir, sen ningún rigor científico".

"Desde Fruga non temos constancia ningunha da existencia da realización dun censo da poboación de xabaril nin da súa estrutura piramidal de idades, entre outros aspectos moi importantes, como as idades de reprodución das femias. Levamos pedindo desde hai anos que se fagan estudos deste tipo", censuran. A propia directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, admitiu que a Xunta non dispón do censo.

A Fruga considera que "deixar a solución" deste asunto a un colectivo "que emprega a caza como deporte, afección ou hobby non parece o máis adecuado, serio e rigoroso", porque descarga a "responsabilidade" da Xunta. "Entendemos que os cazadores poden ser uns grandes colaboradores, pero nunca poden ser os responsábeis de levar a cabo o control dunha posible 'praga', se ben é certo que non sería a primeira vez xa que no ano 2019 a Xunta tamén realizou unha declaración de emerxencia cinexética e, catro anos despois, estamos vendo claramente que foi un fracaso total e absoluto", proseguen.

En consecuencia, a Fruga fai un chamamento aos cazadores a non participaren no que ve como un "esperpento" e unha "medida populista e con propósitos electorais" de cara a 2024, ano no que, salvo adianto, decorrerán os comicios galegos.