Medio Ambiente

A Xunta declara a "emerxencia cinexética" e, malia non dispor do censo, autoriza a caza "sen límite" do xabaril en 248 concellos

Os 248 concellos nos que se autoriza a caza "sen límites" representan 80% do territorio galego. (Foto: Nós Diario)

Poderanse capturar ou abater exemplares de ambos os sexos e amplíanse os períodos de caza.

A Xunta da Galiza declarará esta mesma semana a emerxencia cinexética —publicarase esta sexta feira no Diario Oficial da Galiza e entrará en vigor o sábado— para permitir a caza "sen límite" de xabarís nun total de 248 municipios. Ou, o que é o mesmo, 80% dos concellos e da superficie do país. Esta decisión temporal ficará en vigor até o 25 de febreiro de 2024, fin da temporada de caza. Os concellos con caza sen límite de xabarís agrúpanse en 37 comarcas: 12 na provincia da Coruña (75 municipios), 11 en Ourense (87 municipios), 9 en Lugo (54 municipios) e cinco en Pontevedra (32 municipios).

Este instrumento excepcional pódese adoptar aludindo ;ao "perigo" para a gandaría e agricultura, alén de polo risco de provocar accidentes de tráfico, como medida complementaria á caza regulada para facer accións de control por danos. Poderanse capturar ou abater exemplares de ambos os sexos e amplíanse os períodos de caza.

Diso informou en rolda de prensa esta cuarta feira a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen explicou que é a terceira vez que se declara esta emerxencia cinexética na Galiza, unha decisión que tomou a Xunta após recibir un total de 4.048 avisos por danos durante a temporada 2022-23 —do 1 de agosto de 2022 ao 31 de xullo de 2023—, na que se capturaron 19.000 exemplares, cifra que vai á alza.

Unha das cuestións que pesou nesta decisión, segundo explicaron desde o Goberno galego, é o censo porcino doméstico existente nestas comarcas, ante a alerta pola posibilidade de chegada á Galiza da peste porcina africana, alén de terse en conta a superficie afectada e o risco de accidentes de tráfico. Apuntan que esta época é "especialmente sensíbel" pola recollida de millo. Preguntada sobre o censo existente de xabarís na Galiza, Do Campo explicou que non se conta con ese dato e escusouse en que "lle corresponde ao Goberno español" realizalo e así se comprometeu a facelo a nivel estatal.

Que se pode facer?

Poderá recorrerse a batidas, así como modalidades de agarda ou espera. Tamén se autoriza o uso de medios auxiliares —como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebaderos de gran ou froitos colocados nos cultivos danados— para facilitar o control. Galiza conta cun total de 452 tecores.

Adicionalmente, poderanse realizar capturas de exemplares vivos en terreos non cinexéticos mediante capturadores, e mesmo, en caso de non dar resultado, poderase actuar coa modalidade de agarda ou espera diúrna ou nocturna, con informe preceptivo de xefatura territorial. As xornadas de caza na temporada 2023-24 serán 134, o que supón 45,6% máis que nas que había en 2017-18.

Reproches ao Concello da Coruña

Pola súa parte, Belén do Campo asegurou entender que os municipios "teñan preocupación" e lembrou que "poden solicitar medidas" ante a aparición de xabarís en zonas urbanas, ás que realizan "incursións nocturnas moitos deles".

Tamén salientou que xa se falou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para facer un chamamento aos concellos a "controlen a maleza". E neste punto referiuse ao caso do Concello da Coruña, "cunha cantidade de maleza" en terreos que non son só rústicos, "que son urbanizábeis". Tamén pediu á poboación que non se achegue a estes animais e realice un control de lixo en colectores para non deixar comida a disposición de xabarís.