Fronte común contra o complexo eólico que ameaza a Costa da Morte

Mapa que recolle os parques eólicos que están operativos ou en fase de tramitación na Costa da Morte (Infografía: Nós Diario).

Once entidades diríxense á Consellaría de Industria para a emprazar a suspender “de forma cautelar” a tramitación do complexo eólico da Costa da Morte, “en tanto non someta o Plan eólico industrial á preceptiva avaliación estratéxica ambiental”.

Asociacións bergantiñás reclaman “transparencia, información e acceso aos acordos do clúster eólico da comarca para a evacuación conxunta da enerxía do complexo eólico desde o parque eólico Monte Chan en Laxe até a subestación da central térmica de Meirama”.

Nun comunicado de prensa, explican que o complexo eólico da Costa da Morte é tramitado pola Xunta “con total opacidade” e acusan o Goberno galego de vulnerar a Lei 21/2013, de 9 de decembro de impacto ambiental, “que esixe avaliación ambiental estratéxica para os plans empresariais a desenvolver nun ámbito xeográfico concreto”.

O proxecto é liderado pola portuguesa EDP Renovables e a galega Greenalia Green Power, que construirían “parques eólicos tan agresivos co turismo e a hostalaría como o parque Soesto, o parque Pena dos Mouros e o parque Monte Chan na fachada litoral do municipio turístico de Laxe”. Tamén o parque eólico Agrelo-Muriño en Cesullas (Cabana) e os parques eólicos de Corcoesto e Coristanco, o Alto do Torreiro e o Bustelo-Baralláns.

Estes dous últimos, advirten as entidades, “con prexuízos irreparábeis para áreas de especial interese paisaxístico como o val fluvial do río Lourido e ás explotacións forestais e madereiras da zona”.

Parques fraccionados

Na procura dunha tramitación administrativa máis áxil, os citados parques tramítanse de forma fraccionada e independente, “diluíndo os impactos ambientais da totalidade do Plan eólico industrial do clúster empresarial e obviando a participación pública na súa avaliación global”.

Neste contexto, advirten de que “deixa de lado a normativa europea que regula o dereito de acceso e participación da cidadanía na toma de decisións relacionadas co medio ambiente e a paisaxe, ao abeiro do Convenio de Aarhus e o Convenio europeo da Paisaxe”.

Evacuación e liñas de alta tensión

Por outra banda, a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños (Comarca de Bergantiños), a Asociación de Veciños de Cereo (Coristanco), a Plataforma veciñal O Cerqueiral (Coristanco), a Plataforma Bergantiñá Pola defensa da Terra (Comarca de Bergantiños), a Asociación ambiental Contramínate (Laxe), a Asociación ambiental Petón do Lobo, o Sindicato Labrego Galego, a Asociación Galega Cova Crea (Comarca de Bergantiños), a Plataforma As Salgueiras (Ponteceso), a Asociación Veciñal Río Lourido (Valenza-Coristanco) e a              Asociación “O Ouriol” do Anllóns (Carballo) solicitan información sobre os acordos do clúster empresarial que formarían as empresas eólicas asociadas en relación á solución de evacuación.

Informan de que o parque eólico Soesto evacúa a través da subestación colectora elevadora “Monte Chan”, 30/220 kV (SET CHN) e os vieiros empregados para o seu acceso son os do parque eólico Pena Forcada-Catasol II da mercantil Gas Fenosa, actualmente Naturgy.

“A liña aérea de alta tensión de 220 kV que evacúa a enerxía xerada dos parques do municipio de Laxe, parte da subestación “Monte Chan”, situada a 4,6 km do parque eólico Soesto até chegar á subestación da central térmica de Meirama (Cerceda)”, salientan.

Advirten de que no seu camiño “iría incorporando as achegas do resto de parques do complexo eólico Costa da Morte, na que entrarían o resto dos parques de EDP Renovables e os parques eólicos de Greenalia Green Power como o parque eólico O Cerqueiral, na parroquia de Bustelo en Coristanco”.

Este complexo sumaríase a outros que ameazan a contorna.