Fitur

Os Fogóns do Anllóns aposta pola gastronomía e a sustentabilidade

Presentación da iniciativa da Deputación da Coruña 'Os Fogóns do Anllóns' para situalo como destino gastronómico diferenciado (Foto: Deputación da Coruña).
A primeira das citas impulsadas pola Deputación da Coruña na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur) centrouse nas posibilidades que ofrece o río Anllóns para turistas que se interesen na gastronomía, o deporte, a ornitoloxía ou o patrimonio material e inmaterial da comarca de Bergantiños. 

Como un percorrido pola beira do río foi presentado onte o proxecto Os Fogóns do Anllóns na Feira Internacional de Turismo (Fitur). Este, impulsado pola Deputación da Coruña e financiados con fondos europeos no marco dos Plans de sustentabilidade turística en destino, é un proxecto que trata de crear un territorio gastronómico diferenciado que chame a atención dentro e fóra do Estado, situando no mapa internacional os concellos que o integran - A Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana-.

Nun acto que deu comezo ás 12:30 horas e que estivo conducido polo xornalista Santiago Garrido, a seguinte en falar foi a directora de Turismo da Galiza, Nava Castro, quen salientou o potencial da gastronomía galega como recurso turístico, asegurando que “é o segundo motivo polo que as persoas nos escollen como destino”.

Do mesmo xeito, para Castro tamén é unha forma de “pór en valor moitos dos produtos dunha comarca que até o de agora igual non é tan coñecida no campo da gastronomía”.

Se ben a capacidade de xerar produtos de alta calidade é unha das chaves que salientou o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, este tamén quixo pór o foco na sustentabilidade e na recuperación medioambiental como os factores que sustentan todo o desenvolvemento económico.

Desta maneira, Regueira afirmaba que este proxecto “ten todos os ingredientes para dar visibilidade a un sector altamente competitivo e con capacidade para crear benestar e un recurso económico importante para o propio territorio”. 

Nesta dimensión medioambiental foi na que quixo facer fincapé o alcalde de Cabana, José Muíño, avogando pola recuperación da flora e da fauna do río e por traballar o seu percorrido a nivel local “para que a xente o valore e o coide como propio”. 

Unha arteria con diversas posibilidades

Así, Garrido deu paso a unha primeira peza audiovisual na que se salientou o papel do río Anllóns como “a arteria que configurou a comarca de Bergantiños” a través da súa historia, do seu patrimonio material e inmaterial e, por suposto, dos seus froitos.

Ao escoitar falar a figuras como o alcalde da Laracha, Juan Manuel López; a integrante da Asociación Deportiva Downhill, María Rivera Haz; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o cociñeiro do restaurante carballés Río Sil, Marcos Seoane, e a cociñeira do restaurante carballés Pementa Rosa, Rocío Martínez, quedou claro que “probar a gastronomía que sae dos fogóns do Anllóns é un motivo máis que suficiente para visitar estas terras”.

Precisamente, foi a cociñeira do Pementa Rosa quen continuou presentando o proxecto e sacándolle un sorriso as persoas asistentes asegurando que “eu non vou comprar en Mercamadrid. A nosa despensa está no río, na horta e nas lonxas. Non podemos concibir unha gastronomía de calidade que non estea baseada no noso propio produto”. 

Estas declaracións deron paso a unha segunda peza audiovisual que lle deu voz ao alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose; ao presidente da asociación de veciños San Adrián de Verdes, José Rial; á empresaria da marca La Huerta D’Lujo de Coristanco, Lucía Calvo; á concelleira de Asuntos Sociais de Ponteceso, Noelia Varela; ao alcalde de Cabana, José Muíño; á presidenta da asociación de mariscadoras de Cabana, Inés García Fernández, e ao ornitólogo José Luis Rabuñal, quen aproveitaron para pór en valor produtos como a pataca, a troita ou o berberecho.