Social

A Fiscalía mantén abertas cinco investigacións penais en residencias da Galiza

Membros da UME na desinfección dunha residencia (Marta Fernández/EP).
O Ministerio Público actualiza os datos e revela que son 86 os centros de maiores investigados penalmente en todo o Estado. Na Galiza hai cinco investigacións penais abertas pola Fiscalía. 

A Fiscalía Xeral do Estado elevou esta terza feira até 86 o número de residencias investigadas penalmente polo Ministerio Público como consecuencia da situación creada pola pandemia da COVID-19. Delas, cinco pertencen á Galiza

Segundo os datos emitidos polo Ministerio Público, hai un total de 16 dilixencias abertas, 11 civís e 5 penais, en centros do país, cando na información emitida a pasada sexta feira non figuraba ningunha contra os xeriátricos galegos.

Das cinco investigacións penais abertas, unha está a ser levada a cabo pola Fiscalía Superior de Galiza, dúas pola de Ourense, unha en Lugo e outra en Pontevedra.

En todo o Estado son un total de 86 as residencias investigadas penalmente e case a metade delas, un total de 40, atópanse en Madrid. Actualmente tamén constan abertas 126 dilixencias civís que están relacionadas co amparo dos dereitos individuais e colectivos das persoas en situación de vulnerabilidade.

Seguimento permanente

Segundo a nota de prensa difundida pola Fiscalía Xeral, desde o inicio da actual situación de emerxencia o fiscal delegado para a protección e defensa dos dereitos das persoas maiores e a rede de fiscais especialistas despregados nas Fiscalías Provinciais veñen realizando un seguimento permanente da situación das persoas da terceira idade e discapacitados, e particularmente, de quen vive en centros e residencias de maiores.

No Estado existen aproximadamente unhas 5.457 residencias, públicas e privadas, engade a nota.