A federación de usuarias de residencias denuncia na Fiscalía o director xeral de Maiores da Xunta

O director xeral de Maiores, Ildefonso de la Campa Montenegro, coa conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez (Imaxe: xunta.gal)
A Federación REDE, que reúne entidades de usuarias de residencias e de familiares delas, presentou na Fiscalía unha denuncia contra o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta, o subdirector xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais e contra a xefa do Servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados.

A Federación galega de asociacións de familiares e usuarias de residencias e da dependencia (REDE), presentou ante a Fiscalía Superior da Galiza unha denuncia contra altos cargos da Consellaría de Política Social polos delitos de denegación do auxilio, abandono, omisión de socorro con resultados de mortes e lesións, de forma dolosa e con prevaricación, na actuación previa e na propia xestión da crise da pandemia do coronavirus nas residencias.

A denuncia dirixese contra o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa Montenegro; o subdirector xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais, Fernando González Abeijón; a xefa do Servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados, Berta Besada Porto.

Ademais a denuncia esténdese a todas as persoas que ocuparan eses postos no último ano e medio.

Nun comunicado emitido por REDE, a federación sinala que en residencias da Galiza había máis de 1.000 persoas contaxiadas a principios desta semana e que xa se levan máis de 150 falecementos nestes centros, mais subliñan que non debe tanto a causa da COVID-19 como á xestión que do virus se fixo nas residencias coa complicidade da Consellaría de Política Social; “que consentiu a inacción das residencias e a non aplicación das medidas profilácticas e hixiénicas coñecidas e recomendadas desde o primeiro momento”.

Desde REDE sinalan que esta actuación das residencias vén sendo coñecida a través das denuncias de familiares nos últimos anos e consentida pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e o Servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados, aos que consideran “cómplices da situación creada nas residencias galegas” antes da chegada da COVID-19 e que “desembocou no fatal escenario actual”.

A federación sinala no seu comunicado que a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e o Servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados tiñan a obriga de facer cumprir coa lexislación ás residencias, de inspeccionalas, abrirlles expedientes e sancionalas “e non o fixeron”, denuncian.

Engaden tamén que “tiñan a obriga de protexer as e os maiores e non o fixeron, ao contrario, coa súa inacción provocaron que se consolidasen e se estendesen situacións de abandono, neglixencia e maltrato, que se traballase moi por debaixo das rateos obrigadas, que se descoidase a limpeza e que, por exemplo, auxiliares, sen a formación axeitada, fixeran funcións de enfermeiras nalgunhas residencias”.

“Coa súa inacción”, di REDE, “a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e o Servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados, abandonou as súas funcións, deixou desamparados aos anciáns e ignorou as solicitudes de auxilio dos familiares que recorreron a eles”.

Conclúe a federación o seu comunicado expresando os delitos dos que acusa aos altos cargos da Xunta, xa que “non socorreron as e os residentes como era sua obriga deixándoos desamparados e, ao non facelo, puxéronos en perigo manifesto e grave.

Considera REDE que “o delito é doloso, xa que existiu un coñecemento evidente por parte dos denunciados de que eles mesmos están encargados de velar porque nas residencias se cumpra coa lei e de perseguir o maltrato o abandono e as condutas neglixentes”, resalta a federación.

Ademais, consideran que constitúe “un delito de omisión de socorro, xa que o mero feito de deixar de facer os deberes requiridos xa é consumativo”.

“O incumprimento foi sistemático”, di REDE, xa que non se tratou de algo esporádico na actuación da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e do Servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados, ante os abusos das residencias galegas.

Prevaricación

Rede entende que existe prevaricación na actuación dos cargos e funcionarios denunciados xa que no ultimo ano e medio foron moitas as denuncias presentadas ante o Servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados, dependente da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais e da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade polos familiares de residentes en distintas residencias galegas, por diferentes situacións de abandono, neglixencia, maltrato institucional e incumprimento das rateos permitidas entre outras, “sen que ninguén na Conselleria de Politica Social actuase para corrixir a situación en ningunha delas”, denuncian.

REDE denuncia a dirección de DomusVi na Fiscalía

REDE xa presentou na sexta feira, 18 de abril, na Fiscalía Superior da Galiza, unha denuncia contra a empresa DomusVi e outras xestoras de residencias polos delitos de denegación de auxilio, abandono, omisión de socorro, imprudencia grave con resultado de morte e lesións, todo iso realizado "de forma dolosa, recollidos en diferentes artigos do Código Penal". A denuncia pide que se investigue a Josefina Fernández Miguélez, CEO de DomusVi, e ao resto dos propietarios dese grupo, tanto no Estado español, Francia e Inglaterra, así como aos propietarios das demais residencias afectadas pola COVID-19 na Galiza.