A Fiscalía investiga as residencias pola COVID-19

residencia maiores San Lázaro Compostela está xestionada por DomusVi (Foto Arxina).
Aceléranse os acontecementos nos centros de maiores. Mentres o coronavirus bate sen descanso nas residencias da terceira idade, convertidas na zona cero da crise, a Fiscalía Superior da Galiza abre dilixencias para depurar as responsabilidades das direccións dos xeriátricos durante a pandemia.

Se a semana pasada os centros de DomusVi do Barreiro, en Vigo, e de Aldán, en Cangas, se situaban no epicentro da pandemia, nos últimos días sumáronse os xeriátricos de DomusVi de San Lázaro, en Compostela, e da Nosa Señora da Esperanza, en Ourense. Nosa Señora da Esperanza, propiedade da Fundación San Rosendo, é unha dotación de máis de 150 prazas que xa conta con máis de 100 persoas infectadas e con perto de 10 mortes. As familiares das residentes deste centro quéixanse da falla de medios e da ausencia de información por parte das responsábeis da mesma.

"É necesario pór os recursos que fagan falla para evitar que a residencia Nosa Señora da Esperanza non se converta nunha carnizaría, o persoal non dá abasto e carece de medios para facer fronte á situación. As autoridades competentes deben intervir de maneira inmediata a residencia", sinala a Nós Diario Moisés Cid, que vén de perder unha avoa a consecuencia da COVID-19 na residencia de DomusVi do Barreiro e que ten a outra afectada pola doenza en Ourense. Lamenta, ao respecto, "a falta de medios para facer fronte á situación". "Aquí en Nosa Señora da Esperanza dous médicos deben prestar a atención a 160 residentes. Isto é inviábel. Dúas persoas non poden atender tanta xente", di.

"Cómpre evitar que a residencia Nosa Señora da Esperanza se converta nunha carnizaría", sinala Moisés Cid

Cid critica a falta de información ás familias por parte das responsábeis das residencias. "Urxe unha maior fluidez á hora de darnos conta da situación das nosas familiares. Falar coas nosas avoas resultaba imposíbel malia a boa vontade das coidadoras, xa que non hai persoal suficiente para organizar as chamadas. Ao longo de todos estes días non reforzaron as liñas telefónicas. Morreume unha avoa e foinos imposíbel contactar con ela tras unha semana intentándoo", narra Cid, que defende garantir ás maiores "o dereito a morrer dignamente".

Amalia Rolán é filla dunha residente de DomusVi de San Lázaro, en Compostela, que vén de falecer. "Estou aínda agardando que desde a dirección do centro me dean o pésame pola miña nai. A min ocultáronme información e ofrecéronme datos contraditorios sobre ela. A dirección do centro tentou tapar a situación real da residencia e iso provocou que a situación rebentase como rebentou", sinala Rolán, que con anterioridade á pandemia presentou varias denuncias perante a Xunta da Galiza sobre o funcionamento do centro de San Lázaro. "Alí a desorganización era total, malia as cantidades pagadas polas residentes, a atención deixaba moito que desexar", conclúe Rolán.

Domus Vi San Lázaro, denunciado á Fiscalía

DomusVi San Lázaro é o principal foco de contaxio da área sanitaria de Compostela. A asociación de familiares da residencia urxiu na pasada terza feira a Xunta da Galiza á intervención inmediata do centro. Non recibiron até a data resposta. As familiares, en declaracións a Nós Diario, sinalan que "o todo culpa da mala xestión, da precariedade e da falla de medios". A Fiscalía Superior da Galiza aceptou no día de onte unha denuncia do Defensor do Paciente, onde precisamente se fai referencia ás condicións deste centro de maiores.

A maioría dos contaxios por coronavirus na Galiza concéntranse no sector privado

As familias de usuarias de residencias da terceira idade, así como diversos colectivos, teñen presentado nas últimas semanas denuncias polo funcionamento dos centros de maiores. Neste sentido, a Fiscalía Superior da Galiza tramita dilixencias preprocesuais civís en relación aos contaxios de coronavirus nos xeriátricos galegos, co obxectivo de "velar polos intereses das persoas vulnerábeis", como son as máis maiores, que constitúen un grupo de risco para a expansión da pandemia. Na mesma liña, a Fiscalía insta as súas delegacións a continuar co seguimento da xestión das residencias.

A Xunta da Galiza di estar investigando a actuación de DomusVi durante na crise do coronavirus. Segundo recoñeceu onte, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en resposta a unha pregunta de Nós Diario, "abrimos un expediente informativo sobre a actuación de DomusVi. Non queremos prexulgar nada. En función dos resultados da instrución do expediente tomaremos unha decisión". As palabras do presidente galego non convencen as asociacións de familiares de residentes, que nos últimos tempos teñen denunciado a conivencia do Partido Popular coa patronal das residencias privadas e, xeito moi particular, con DomusVi.

O anuncio de Feixoo coincide coa crítica cada vez máis xeneralizada ao modelo asistencial para a terceira idade. Neste sentido, desde as asociacións de familiares de usuarias e usuarios, organizacións sindicais ou forzas políticas se critica a aposta do Executivo galego por un sistema residencial onde a maioría das prazas están xestionadas polo sector privado. A este respecto, sinalan que son precisamente nestes centros onde se producen máis casos de contaxios por coronavirus.