"A Xunta fixo caso ao que pedía a patronal das residencias privadas"

Vizoso (Praza.gal cedida)
Francisco Vázquez Vizoso é médico epidemiólogo e un dos voceiros da Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes, na súa condición de membro do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (Modepen). Analizamos con el a situación dos centros de maiores e a resposta do Goberno galego diante da crise do coronavirus.

Leva xa un tempo estudando o modelo asistencial para as persoas maiores na Galiza. Que cre que fallou nas residencias durante a crise do coronavirus?

Fallou o propio modelo de atención á dependencia que se desenvolveu desde 2007, cando se aprobou a actual lei de dependencia, unha lei abertamente neoliberal, que permitiu a entrada no sector das grandes empresas da dependencia que, como DomusVi, son propiedade dos grandes fondos voitre de investimento, mentres que desde a Administración pública se deixou facer. Cómpre que teñamos claro que a procura de beneficios económicos é o principal obxectivo desas empresas. Ingresar moito e gastar pouco é a chave. Os seus prezos son altísimos e, onde poden aforrar? Pois sobre todo en persoal e alimentación.

Porén, na miña opinión, hai outro elemento esencial para explicar a precaria situación das residencias, e é o enorme despiste da esquerda política e social sobre a gran debilidade dos servizos sociais dirixidos a maiores e dependentes que temos, así como a súa enorme privatización e os seus carísimos prezos. A consecuencia máis evidente dese despiste é, tamén, a gran debilidade dos movementos sociais que nos opoñemos ao proceso de privatización dos servizos sociais dirixidos aos maiores e dependentes, e que vimos loitando contra as precarias condicións nas que viven os usuarios deses servizos e o persoal que traballa nel.

“A resposta inicial da Xunta foi facerlle caso ao que propuña a gran patronal das residencias privadas”

Na súa condición de epidemiólogo, considera eficaces as alternativas para as usuarias das residencias que puxo en marcha a Xunta tras detectarse os casos de coronavirus?

O despiste inicial foi moi forte. A resposta da Xunta foi facerlle caso, como sempre, ao que propuña a gran patronal das residencias privadas co apoio dalgunhas profesionais do sector asustadas polo que se lles viña enriba. Propuxeron solucións que perseguían sobre todo os obxectivos de sacarse de enriba o problema, que a precaria realidade das residencias non se airease moito e que os custos asociados ao coronavirus fosen asumidos pola Administración pública. Así, a súa proposta foi sacar das residencias privadas as persoas positivas en coronavirus e transferilas a unhas novas “residencias integradas” xestionadas polo Goberno galego. Hoxe, a realidade, está facendo moi difícil aplicar esa receita.

En relación con isto último, cales considera as medidas máis urxentes para aplicar nos centros de maiores?

A atención sanitaria dos ingresados nas residencias que non precisen de hospitalización debe realizarse nas propias residencias. A administración pública debe obrigar a patronal das residencias a que cumpran co seu papel de centros sociosanitarios, nos que sexa posíbel atender as pacientes que viven nelas e que non precisan de hospitalización. A Xunta debeu deixar iso ben claro desde o principio, e axudar a resolver os evidentes problemas de precariedade de persoal que teñen as residencias, tanto do persoal sanitario como do persoal de coidados. O Goberno galego debería obrigar as residencias a que cumpran como mínimo cos estándares legais de persoal en todas as quendas de traballo, que seguen sen cumprir en plena crise. Se é preciso, e moi probabelmente o será, as residencias teñen que contratar máis persoal xerocultor e asumir os custos correspondentes. A Xunta debe estabelecer os mecanismos que permitan garantir que se cumpran de verdade os estándares de persoal que garantan unha correcta atención ás persoas ingresadas.

Ademais, debe estabelecer un plan especial de apoio, desde a sanidade pública, para garantir que a atención sanitaria ás persoas que viven nas residencias sexa axeitada. Como o persoal estritamente sanitario co que contan as residencias é moi precario, a sanidade pública debe desprazar persoal médico e de enfermaría ás residencias, para garantir a correcta atención sanitaria das residentes que non precisen hospitalización.

E, por suposto, é intolerábel que as traballadoras non conten xa con suficientes equipos de protección persoal, como máscaras, solucións de base alcohólica ou luvas.

O propio Núñez Feixoo afirmou que é necesario repensar o modelo residencial para a terceira idade na Galiza. Sobre que eixos pensa que se debe articular ese novo modelo?

O andazo do coronavirus fixo aboiar a realidade da enorme privatización, precariedade e custos altísimos dos actuais servizos sociais dirixidos aos maiores e dependentes. Cando saiamos do andazo deberíamos ser capaces de deixar atrás o neoliberalismo e construír o cuarto piar do Estado do benestar. Precisamos duns verdadeiros servizos sociais públicos dirixidos ás maiores e dependentes. Debemos exixir que, como sucede coas pensións ou coa sanidade ou o ensino público, a correcta atención dos maiores e dependentes sexa considerado un dereito. Necesitamos construír un gran e plural movemento social que, pasado o coronavirus, sitúe estas reivindicacións en primeiro plano.