A Fiscalía da Galiza remite información sobre sete casos abertos por delitos de abuso no seo da Igrexa

(Foto: Angel Simon).
A Fiscalía Xeral do Estado asume a investigación sobre os casos abuso, agresión e pederastia en colexios, congregacións e institucións relixiosas.

A Fiscalía da Galiza remitiu á Fiscalía Xeral do Estado información dun total de sete procedementos penais en tramitación sobre delitos de agresión ou abuso sexual a menores no seo de congregacións, colexios ou calquera outra institución relixiosa.

Trátase de sete procedementos que están a tramitarse en xulgados de instrución da Galiza a raíz de varias denuncias interpostas.
Nun comunicado de prensa o ministerio público explica que as fiscalías "non teñen dilixencias de investigación penal propias nesta materia", polo que non se abriron actuacións de oficio.

A documentación remitida, sen que se detallasen con máis precisión os casos concretos, foi obtida polas fiscalías territoriais da Galiza e inclúe un total de sete asuntos incoados.

A Fiscalía Superior da Galiza cumpre así co ordenado pola Fiscalía Xeral do Estado no seu oficio con data do 31 de xaneiro de 2022, que daba de prazo até o 10 de febreiro para cumprir con esta actuación.

No seu escrito reclamaba aos territorios información dos procedementos penais en tramitación referidos a agresións e abusos sexuais a menores de idade no seo de colexios, congregacións ou institucións relixiosas.

En días pasados, La Salle informou de novas denuncias por abusos sexuais que se produciron nos anos 70 e 80, das cales dúas se rexistraron na Galiza.

Parlamento

Sobre esta cuestión, o debate chegará ao Parlamento por mor de iniciativas da oposición -o BNG xa rexistrou unha batería de propostas e o PSdeG asegura que traballa no mesmo sentido-, nas que tamén se preguntará polas palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a respecto da proposta de abrir unha investigación no Congreso.

Concretamente, os nacionalistas rexistraron preguntas nas que reclaman aclarar se o presidente da Xunta "corrixirá ou rectificará" as súas "desafortunadas" declaracións nas que dixo que habería que investigar "calquera tipo de abuso" e incluír a "todas as institucións".