Xustiza

A Fiscalía Anticorrupción recorre a sentenza de Villarejo para que sexa condenado por suborno

Comparecencia ante os medios de José Manuel Villarejo ás portas da Audiencia Nacional, o pasado 31 de xullo. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
O ex comisario da Policía española foi condenado en xullo a 19 anos de prisión, na que foi a primeira sentenza relativa aos encargos privados que realizou a través do seu grupo empresarial sendo aínda axente en activo.

A Fiscalía Anticorrupción vén de recorrer a sentenza do primeiro xuízo do 'caso Villarejo' —polas pezas separadas 'Iron','Land' e 'Pintor'— e solicita que tanto o comisario xubilado José Manuel Villarejo como o seu socio, Rafael Redondo, sexan condenados tamén por un delito de suborno pasivo propio en dúas das tres pezas polas que foron xulgados. Segundo indica no seu escrito, dirixido á Sala de Apelacións, a intención é obter unha sentenza que recolla ese delito, que é chave e troncal para o resto de pezas que aínda seguen abertas na Audiencia Nacional, xa que, argumenta, a absolución por suborno baseouse nunha "indebida interpretación ou aplicación" do artigo 419 do Código penal.

Cómpre lembrar que o tribunal condenou o pasado mes de xullo a 19 anos de cárcere a Villarejo na primeira sentenza relativa aos encargos privados que realizou a través do seu grupo empresarial sendo aínda policía. O tribunal condenouno por algúns dos delitos de revelación de segredos polos que estaba acusado —absolvéndoo doutros— e por falsidade documental, mais non o considerou culpábel finalmente do delito de suborno, alegando que non executou os traballos "no exercicio do seu cargo".

A Sala do Penal detallaba que, a pesar de que Villarejo era funcionario público no momento de executar os encargos, actuou nunha "esfera absolutamente privada e non pública". Así, e aínda que concorría o primeiro elemento do delito de suborno pasivo, o tribunal descartaba o segundo porque o comisario non actuou no exercicio do seu cargo. "A actividade desenvolvida por Villarejo en ningún caso tiña como finalidade menoscabar a lexitimidade e os criterios de actuación da Administración Pública, senón obter uns maiores beneficios particulares ofertando unha serie de servizos de difícil consecución, cando menos polas vías legais", recollía o fallo.

Con todo, a maxistrada Carmen Paloma González, unha das tres integrantes o tribunal, pediu condenar por suborno o agora comisario xubilado ao considerar que foi "absolutamente imprescindíbel" que contase "coa colaboración do estamento policial" á hora de executar eses traballos. A xuíza discrepou do voto dos seus compañeiros, Ángela Murillo e Fermín Echarri, pois sostiña que é "indubidábel que os actos executados pola autoridade ou funcionario público han de ser relativos ao exercicio do cargo que desempeña, sen que teña que ser necesariamente un acto que lle corresponda exercitar no desenvolvemento propio das súas competencias específicas, abondando con que estean relacionadas".

'Iron'

No relativo á peza 'Iron', na que se investigou o presunto encargo que o despacho especializado en propiedade intelectual Ferreiro&Asociados faría ao grupo empresarial de Villarejo —CENYT— para que investigase outro despacho, Anticorrupción interesa tamén a condena dos acusados Francisco Carpintero López, Mario Carpintero López, Álvaro Martínez Muñoz, Andrés Medina Bravo e María Ángeles Moreno Nogales como responsables de delito de suborno pasivo.

No caso de que a Sala non advertise esa interpretación incorrecta do Código penal, o Ministerio Público pide subsidiariamente que se anule a sentenza absolutoria do delito de suborno para Villarejo e o seu socio porque entende que o tribunal incorreu "nun manifesto erro na valoración da proba sobre a auténtica actividade despregada polo acusado [...] e a súa vinculación coas funcións policiais que tiña encomendadas como comisario en activo ao servizo da Dirección Adxunta Operativa do Corpo Nacional de Policía (DAO)".

É dicir, que se a Sala de Apelacións denegase a petición de condena pero lles recoñecese a petición de anulación de condena absolutoria, o tribunal sentenciador tería que volver valorar os feitos probados e as probas expostas no xuízo para revisar o fallo e resolver se —como reclama Anticorrupción— procede corrixilo e condenalo por suborno, para o que non faría falta unha nova vista.

Nesa mesma peza 'Iron' a Fiscalía solicita que tanto Villarejo como Redondo sexan condenados, tamén, como responsábeis de catro delitos de descubrimento e revelación de segredos de particulares, ao entender que a absolución deses delitos fundamentouse nunha aplicación indebida dos artigos 197 e 198 do CP. Da mesma forma que co suborno, o Ministerio Público pide que subsidiariamente sexa anulada a sentenza "por incorrer en manifesto erro na valoración da proba".

'Land' e 'Pintor'

En canto ao proxecto 'Land', no que se investigou se Villarejo dirixira as súas investigacións contra a contorna de Luis García-Cereceda, o falecido dono de PROCISA, a empresa promotora da urbanización de luxo 'La Finca', o fiscal indica que —igual que en 'Iron'— o comisario e o seu socio deben ser condenados por suborno pasivo propio. Unha vez máis, reitera, o tribunal absolveunos ao aplicar de forma indebida o artigo 419 do CP. Ao mesmo tempo, interesa a condena de Susana García-Cereceda, Francisco Lorenzo Peñalver e David Fernández como responsábeis de delito de suborno pasivo.

No caso de que a Sala non advirta a infracción de norma do ordenamento xurídico, pide a anulación da sentenza "por incorrer en manifesto erro na valoración da proba", do mesmo modo que solicitaba en 'Iron'. Aliás, indica que nesta peza separada tanto Villarejo como o seu socio deben ser condenados polo delito descubrimento e revelación de segredos que sufriron Jaime Ostos, Silvia Concepción Gómez Cuétara, Marta María Fernández Vázquez-Figueroa e Antonio Garzón.

En 'Pintor', na que Villarejo —xa xubilado— cumpriu o encargo realizado polos irmáns Juan e Fernando Muñoz Támara para atopar información dun antigo socio que lles permitise resolver ao seu favor un litixio fiscal, a Fiscalía entende que tanto Villarejo como o seu socio deben ser condenados como responsables de delito de descubrimento e revelación de segredos.

Absolución da muller de Villarejo

Por outra parte, Anticorrupción pide anular a sentenza no relativo á absolución da muller de Villarejo, Gemma Alcalá, que foi exonerada en 'Iron' e 'Land'. Nun principio, a Fiscalía Anticorrupción pediu 83 anos e medio de cárcere, pero na recta final do xuízo modificou as súas conclusións para retirar a súa acusación por todos os delitos excepto os de cooperadora necesaria do presunto suborno do seu marido, co que xa só reclamaba para ela cinco anos de cárcere.

Ademais, Anticorrupción pide que tamén se condene o policía Antonio Bonilla —que foi absolto— por delitos de suborno pasivo e descubrimento e revelación de segredos. Durante o xuízo foi acusado de facilitar a Villarejo datos de bases policiais de acceso reservado para que comerciara con eles a través de CENYT.

A Fiscalía, con todo, non recorre a absolución do fillo do comisario xubilado, José Manuel Villarejo Gil, que quedou exonerado dos delitos de descubrimento e revelación de segredos e tentativa de extorsión que se lle imputaban en 'Pintor', ao non haber "a máis mínima físgoa probatoria". Cómpre lembrar que o Ministerio Fiscal solicitou para el un ano de prisión.