Villarejo recoñece ter cometido "accións absolutamente ilegais" para frear o independentismo

"É unha auténtica aberración pensar que o CNI funciona dentro da legalidade" afirmou o ex comisario da Policía Nacional.
José Manuel Villarejo (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press).
photo_camera José Manuel Villarejo (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press).

O ex comisario da Policía Nacional, José Manuel Villarejo, asegurou que realizou actuacións "absolutamente ilegais" para frear o proceso independentista en Catalunya, e afirma que as “volvería facer”.

En declaracións a TV3 este domingo, Villarejo explicou que o ex presidente do Goberno Mariano Raxoi o felicitara pola súa tarefa nese sentido, con eloxios como "que pena que non se poidan decatar do que fixo vostede".

"Raxoi era coñecedor"

Para alén diso, o ex comisario recoñeceu que Mariano Raxoi o felicitara pola baixada de escanos en certas eleccións dos partidos independentistas en Catalunya.

Tamén explicou que foi o ex ministro de Interior Jorge Fernández Díaz quen lle proporcionou información sobre o diñeiro da familia Pujol en Andorra, actuacións das que, segundo el, Raxoi era coñecedor.

Orzamento millonario para "pagar tertulianos"

Villarejo explicou que o Centro Nacional de Intelixencia (CNI) tiña un orzamento de entre 7 e 8 millóns de euros para "pagar a tertulianos para que creasen unha sensación na poboación do grave que sería separarse de España".

"É unha auténtica aberración pensar que o CNI funciona dentro da legalidade. Os espías están para espiar", defendeu.

Comentarios