A Fiscalía abre dilixencias contra altos cargos de Augas da Galiza por autorizar verteduras da mina de San Finx

Sede da Audiencia Provincial da Coruña. (Foto: Google)
As dilixencias abríronse a raíz de denuncias realizadas polas confrarías de pescadores de Noia e Portosín así como por Ecoloxistas en Acción.

A Fiscalía de Medio Ambiente da Coruña vén de abrir dilixencias de investigación contra a directora de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, e outros altos cargos e funcionarios do seu departamento por posíebis delitos de prevaricación, chamándoos a declarar coa condición de investigados, despois de que o pasado mes de febreiro acordaran outorgar autorización de vertidos á mina de San Finx, en Lousame, segundo puido coñecer este xornal a través da Confraría de Noia.

As dilixencias abríronse a raíz de denuncias realizadas polas confrarías de pescadores de Noia e Portosín así como por Ecoloxistas en Acción, nas cales se alertaba do modo irregular en que se concedeu a autorización de verteduras e da omisión por parte de Augas da Galiza tanto do control e sanción das verteduras xa existentes, como da obriga de cobrar á empresa mineira o canon de control de vertidos, que ascende a máis de 30 millóns de euros.

O decreto da Fiscalía tamén recolle as denuncias por verteduras ilegais que cursaron ante o Seprona as confrarías de Noia e Portosín, neste caso responsabilidade da filial da empresa australiana Pivotal Metals e os seus administradores, domiciliados do madrileño municipio de Tres Cantos, e das que dan testemuña as análises realizadas polos axentes da Garda Civil.

Demanda a Rueda

Após coñecer a noticia, tanto as confrarías como Ecoloxistas en Acción demandaron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de infraestruturas e mobilidade, Ethel Vázquez, que sexan apartados inmediatamente dos expedientes relativos á mina de San Finx tanto a directora de Augas da Galiza como os demais funcionarios implicados, ante o risco de destrución de probas e o evidente conflito de intereses nos trámites en curso.

Este mesmo mes a directora de Augas da Galiza acordou conceder unha prórroga á empresa mineira australiana para completar as infraestruturas de vertido, despois de que esta incumprise o condicionante de finalizar as obras en catro meses.

Deste modo, a vertedura de case mil millóns de litros anuais podería comezar a partir do 12 de agosto, inxectando metais pesados á ría de Muros e Noia, onde miles de familias dependen da calidade das augas e dos bancos de marisqueo para o seu sustento.