Festivais de Galicia entende que o Marisquiño pode reclamar danos ás administracións

Imaxe da pasarela caída en Vigo, no festival do Marisquiño. Foto: cedida.

“Non existe ningunha lexislación que obrigue ao organizador do festival a realizar ningunha comprobación previa. Sería como esixir a unha compañía de autobuses que cada autobús teña que comprobar a resistencia de cada ponte que ten que atravesar”. Con esta contundencia se expresa a asociación Festivais de Galicia sobre o acontecido o pasado sábado no Marisquiño de Vigo.
 

Festivais de Galicia agrupa oito dos principais encontros musicais de Galiza. O Marisquiño non está entre eles, mais afirma “coñecer e respectar os seus promotores”. “Se o Marisquiño non tivera os máis altos estándares de seguridade non podería ser o festival que é”, afirma nun comunicado remitido aos medios de comunicación. O plan de autoprotección do festival, engade, “permitiu que en dez minutos estivesen actuando os servizos de emerxencia”.

 

A caída dunha parte do paseo marítimo de Vigo onde se estaba a celebrar un dos concertos do certame causou máis de 400 feridos, nove de carácter grave. O sinistro desatou unha guerra de acusacións entre a Autoridade Portuaria e o concello por ver de quen era a responsabilidade do mantemento do lugar -o accidente sucedeu por deficiencias no mesmo.

 

A asociación de festivais entende que en ningún caso se pode achacar á organización do Marisquiño. “A lei esixe ao titular da infraestrutura que responda fronte ao cesionario polos vicios ocultos”, esténdese, “entendemos que o Marisquiño pode reclamar fronte á administración titular do peirao os danos causados por ser autorizado ao uso dunha infraestrutura deteriorada”.

 

Segundo a entidade, o encontro de cultura urbana de Vigo nin sequera estaba obrigado a presentar un plan de autoprotección. Este só é obrigatorio para espazos en que vaia haber máis de 20.000 persoas. No Marisquiño contaba cun máximo de 4.500. “Nembargantes, o Marisquiño tivo a precaución de facer un plan para esas 4.500 persoas e posibelmente por esa precaución salváronse vidas”, di.

 

Festivais de Galicia explica que decidiu emitir o seu posicionamento a causa “dalgunhas informacións aparecidas nos medios de comunicación que afectan a todos os festivais, profesionais ou non, que se celebran en Galiza”. “Vemos con fonda preocupación que as administracións actuantes, primeiras obrigadas ao cumprimento da lei, estean a buscar o retorcemento da lei para eludir responsabilidades. Aínda que é humanamente comprensíbel, xurídica e socialmente é inadmisíbel”, conclúe a nota.