A Xunta replica un punto do comunicado de Festivais de Galicia

Imaxe do Marisquiño ao pouco do accidente.

A Xunta replica o comunicado da asociación Festivais de Galicia sobre o Marisquiño. Pero faino apenas nun punto que, ademais, é pouco relevante. O Goberno galego afirma que, contra o afirmado pola entidade, o Marisquiño si estaba obrigado a rexistrar o plan de autoprotección.
 

Festivais de Galicia -que agrupa oito dos maiores encontros musicais de Galiza, aínda que non o Marisquiño- explicara que ese paso administrativo só era obrigatorio para certames ao aire libre de máis de 20.000 persoas e que o de Vigo prevía 4.500 persoas. A Xunta di agora que as 20.000 persoas fan referencia “ao festival completo, non só para o concerto” en que cedeu o chan da pasarela marítima e provocou máis de 400 feridos.

 

En todo caso, o Marisquiño si rexistrou o plan de autoprotección. Segundo Festivais de Galicia, este funcionou ademais axeitadamente e permitiu que en apenas 10 minutos os servizos de emerxencia xa estiveran na zona do sinistro atendendo aos damnificados.

 

A Xunta non entra no resto do comunicado, que afirma que en ningún caso o Marisquiño ten responsabilidade polo deterioro do lugar e que iso sería como responsabilizar unha compañía de autobuses de comprobar o estado das pontes polas que teña que circular.