370 persoas feridas, 5 deles graves, ao ceder parte parte do paseo marítimo de Vigo no Marisquiño

Imaxe: 112

A gran concentración de público sinalada como a posíbel causa do derrubo, que tivo lugar durante o concerto de Rels B. Desde a súa construción na década dos 90, este paseo era motivo de fricción entre concello e porto por quen era responsábel do seu mantemento.

Parte da pasarela de madeira das Avenidas, no porto de Vigo, derrubouse na pasada medianoite provocando que ducias de persoas caesen ao mar. Miles de persoas agrupábanse na zona para gozar do concerto do Marisquiño, no que ía actuar Rels B. Esa gran afluencia sinálase como posíbel causa do derrubo.

Son no mínimo 370 as persoas feridas, 5 delas graves -2 menores de idade-. Vivíronse momentos de gran tensión e de caos, mais as autoridades desbotan que haxa desaparecidas. Os bombeiros empregaron cámaras térmcas baixo as augas para localizar calquera posíbel desaparecido.

 

A organización do festival O Marisquiño de Vigo asegurou que os concertos programados "cumprían as condicións de seguridade" requiridas pola lexislación vixente e púxose "a disposición das autoridades" para o que estas poidan precisar.

 

A parte da plataforma que cedeu é de madeira e ten uns 30 metros de longo por 10 de ancho. Era desde hai anos motivo de fricción entre Concello de Vigo Autoridade Portuaria por causa de quen era responsábel do seu mantemento.

 

López Veiga, presidente da Autoridade Portuaria, declarou a emisoras de adio que "é difícil dicir que pasou. É un erro da estrutura, haberá que ver o que aconteceu. É unha zona complicada, con competencias de 3 administracións". O Porto xa encargou un estudo para determinar as causas de que cedese esta parte do paseo. En principio, apóntase a un posíbel fallo "estrutural".

 

As mostras de solidariedade para coas persoas feridas non paran de chegar. Desde as dos presidente galego ou español até as principais formacións políticas. Desde o BNG de Vigo dine star "conmocionadas ante o tráxico suceso acontecido esta madrugada no peirao de Vigo. Desexamos a máis pronta recuperación de todas as persoas feridas, na súa maioría xente moza, así como a investigación das causas para que non volte acontecer". Na mesma liña, Marea de Vigo: "Todo o noso apoio ás persoas afectadas polo terrible suceso no Marisquiño. Hoxe é día de apoiar ás familias. Esixiranse responsabilidades con datos confirmados e profesionais no momento que corresponda".