Fernando Blanco, avogado: "A reforma da sedición introduce tipos moi restritivos do dereito á protesta baixo a aparencia de despenalización"

O letrado Fernando Blanco. (Foto: Nós Diario)
A reforma do delito de sedición superou a semana pasada o seu primeiro trámite no Congreso. A proposta do Goberno do Estado inclúe a substitución deste tipo penal por outro de desordes públicas agravadas, con implicacións para as protestas sociais. 'Nós Diario' analiza os matices que introduce esta muda coa axuda de Fernando Blanco, do Observatorio para a defensa dos dereitos e as liberdades.

—A derrogación do delito de sedición avanza no Congreso entre críticas e moitas dúbidas sobre o risco que pode supor para os movementos sociais. Que supón a súa reforma?
Desde unha posición antipunitivista pensamos que o Código Penal está cargado de máis. Neste sentido, o delito de sedición gozaba dunha penalidade absolutamente elevada ademais de comprender unha serie de condutas de relativamente fácil comisión. Era moi perigoso. O concepto normativo de alzarse de forma pública e tumultuosa para impedir pola forza ou fóra das vías legais a aplicación das leis reflectía moitas condutas que se podían dar dentro dunha protesta, nin sequera violenta, e polo tanto facilitaba que moitas cidadás e cidadáns puidesen verse sentados no banco por delitos de sedición. O único que impedía que moitas protestas non fosen sedición era a interpretación que se facía.

O que sexa 'paz pública' ou 'ocasione perigo para a vida ou a saúde das persoas' vai depender do que recolla o atestado policial, da interpretación das forzas de seguridade do Estado

Neste sentido a súa eliminación é moi positiva, non só polo que poida supor aos presos do Procés senón de por si, independentemente de que se pretenda, ademais, unha adaptación a Europa.

—A supresión da sedición introduce no Código Penal un novo tipo agravado de desordes públicas. Que muda?
O novo tipo agravado parte da regulación anterior de desordes públicas. O que antes recollía o artigo 557 ter do Código Penal agora denomínase bis e mantense. E xa non era unha regulación lene, era unha regulación dura. 

Os que actuando en grupo ou individualmente mais amparados nel alteren a paz pública executando actos de violencia sobre as persoas mais tamén sobre as cousas serán castigos con penas de seis meses a tres anos de prisión. O mesmo para os que invadan ou ocupen contra a vontade do seu titular o domicilio dunha persoa xurídica pública ou privada -despacho, oficina, edificio- e causen unha perturbación relevante para a paz pública e a súa actividade normal. Son actos típicos de protesta onde o único que vai impedir que non haxa sancións fortes é un elemento normativo, moi preocupante nunha xudicatura como a nosa. O que sexa 'paz pública' ou 'ocasione perigo para a vida ou a saúde das persoas' vai depender do que recolla o atestado policial, da interpretación das forzas de seguridade do Estado. 

—Onde está, entón, a novidade? A que responde ese novo precepto "agravado"? 
O que fan é eliminar por arriba e deixar por abaixo un precepto que xa é moi perigoso. Unha especie de sedición en pequeno. Na miña opinión é moi preocupante que co pretexto de despenalizar [a sedición] se introduza un precepto agravado [de desordes públicas] absolutamente innecesario. Vai facer do tipo agravado o de aplicación xeral , a non ser que hai unha interpretación xurídica garantista e vai determinar que o tipo básico se aplique ao que antes era unha actuación de tres persoas que posibelmente se cualificase de actos vandálicos porque se entendía que non alteraba a paz pública de forma colectiva. 

Moitas formas de protesta tradicionais, cívicas e pacíficas agora van ser duramente sancionadas

—Esta reforma compromete a desobediencia civil pacífica? Criminaliza as protestas cidadás?
As dúas cousas. Xa había unhas sancións por desordes públicas, moi frecuentes e con unha interpretación laxa. Agora introdúcese un tipo agravado que substitúe 'tumulto' por 'multitude', que seguramente non se considere o mesmo en Pereiro de Aguiar, en Ourense que en Vigo; que fala de violencia e intimidación 'sobre as persoas ou cousas', de forma que está criminalizando actuacións non violentas: ocupacións, encadeamentos; todo o que supoña forza, agora violencia, sobre a contorna ou o mobiliario urbano. Moitas formas de protesta tradicionais, cívicas e pacíficas agora van ser duramente sancionadas.

Lonxe da derrogación da 'lei mordaza'

Segundo explica a Nós Diario o avogado do Observatorio pola defensa dos dereitos e as liberdades, Esculca, a reforma do delito de sedición "introduce tipos moi restritivos do dereito á protesta baixo a aparencia de despenalización". Estamos, asegura, ante unha mudanza do Código Penal que, ademais, abusa de termos normativos indeterminados, subxectivos.

"Cando fala de multitude, cuxo número, organización e propósito sexan idóneos par afectar gravemente a orde pública; esa afectación grave, ese número, organización e propósito van quedar van ser interpretados pola xente uniformada, dunha forma relativamente flexíbel e contra reo, contra a cidadanía que protesta. Infelizmente, esta é a realidade".

Neste sentido, Fernando Blanco non albisca perto unha derrogación da 'lei mordaza'. "Mentres non haxa mecanismos de control e exixencia sobre as actuacións das forzas e corpos de seguridade, non avanzaremos".