Da sedición á "desorde pública agravada": as chaves do novo delito que quere impulsar o Goberno español

Un acordo entre ERC e o Executivo de coalición impulsa a modificación.
Patxi López (PSOE) e Jaume Asens (UP), antes de rexistrar a proposición de lei para a supresión do delito de sedición. (Foto: Europa Press)
photo_camera Patxi López (PSOE) e Jaume Asens (UP), antes de rexistrar a proposición de lei para a supresión do delito de sedición. (Foto: Europa Press)

O Goberno español presenta esta sexta feira unha proposición de lei no Congreso pola que pretende modificar o actual delito de sedición que recolle o Código Penal por outro de “desorde pública agravada” co que pretende adoptar un “delito homologábel ao que teñen outras democracias europeas”, en palabras do presidente español, Pedro Sánchez.

A supresión do delito de sedición chega despois dun acordo entre PSOE, Unidas Podemos e Esquerra Republicana (ERC). Neste sentido, o presidente da Generalitat, Pere Aragonès, argumentou que "coa derogación da sedición é máis difícil perseguir inxustamente o independentismo".

Muda a pena máxima de condena

O actual delito de sedición estabelece unha pena máxima de 15 anos de cárcere para as persoas condenadas. Porén, co novo delito de desorde pública agravada, o máximo tempo que podería pasar un acusado ou acusada no cárcere redúcese até os cinco anos.

Aliás, a proposta do Goberno de coalición tamén rebaixa aos cinco anos a pena máxima de inhabilitación especial contra cargos públicos que sexan sentenciados por cometer este delito. Isto será así sempre e cando o condenado non sexa unha autoridade, xa que neses casos a sentenza máxima de inhabilitación será de oito anos.

Redución das condenas aínda vixentes

A lexislación española en materia penal ditamina que as modificacións legais serán retroactivas sempre e cando beneficien as persoas condenadas coas penas aínda vixentes. É o caso de, por exemplo, os políticos cataláns que foron apresados polo Estado español despois de participar no referendo de independencia en Catalunya de 2017.

Aínda que o Goberno español indultou os dirixentes soberanistas -Oriol Junqueras, Raül Romeva, Joaquim Forn, Jordi Turull, Josep Rull, Dolors Bassa, Carme Forcadell, Jordi Sànchez e Jordi Cuixart-, esta exención só foi de aplicación na pena de cárcere, mentres que a de inhabilitación mantívose vixente.

O caso máis paradigmático é o do presidente de ERC. Co actual delito de sedición, Junqueras está inhabilitado para exercer calquera responsabilidade pública até 2031. Porén, de suprimirse este delito e aplicarse o de desorde pública agravada, a súa condena remataría antes das eleccións catalás de 2025, polo que podería presentarse á presidencia da Generalitat.

Discrepancias entre a severidade do delito de sedición

O argumento dado polo actual Executivo español para igualar o delito de sedición ao doutros países da contorna europea é rebatido de maneira frontal polo Tribunal Supremo, que asegurou que o actual delito de sedición é acorde ás actuacións dos políticos cataláns condenados, xa que estas foron “algo máis que un delito contra a orde pública”.

Porén, o Goberno de coalición detalla que o mesmo delito castígase con penas moito máis inferiores en países como Alemaña, Francia, Suíza (tres anos); Italia, Bélxica (cinco anos); ou Portugal (oito anos).

Néstor Rego: "Un paso na boa dirección"

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, trasladou a Nós Diario a posición da formación nacionalista. Para Rego, a supresión do delito de sedición "é sen dúbida un paso na boa dirección, que permite avanzar na desxudicialización da vida política e que vai dificultar que se siga a empregar o aparello xudicial do Estado español para a persecución de calquera disidencia política (...) moi especialmente dos movementos nacionalistas, soberanistas e independentistas".

O deputado galego matizou que se debe avaliar "en profundidade" o delito de desorde pública agravada, xa que "aínda pode ser utilizado na represión da contestación social". "Desde o BNG entendemos que deberían existir maiores garantías para exercer o dereito de manifestación, do de mobilización e do de liberdade de expresión".

PP e Vox falan de “traizón”

Pola súa parte, tanto o PP como Vox comparten postura e definen como “traizón” a decisión de suprimir o delito de sedición e cambialo por un de desorde pública agravada. O presidente do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, acusou Pedro Sánchez de empregar esta modificación como “moeda de cambio co independentismo para facilitar a súa permanencia no Palacio da Moncloa”.

En canto a Vox, o seu presidente, Santiago Abascal, mostrou nas súas redes sociais o rexeitamento a este cambio, cun sucinto “Traizón”. A formación de extrema dereita leva anos a demandar non só que non se indulte os políticos soberanistas apresados, senón que sexan sentenciados con condenas máis severas, ademais da ilegalización de todas as formacións nacionalistas e independentistas, a excepción das que promulguen o nacionalismo español.

Comentarios