Fendas na prevención de contaxios na rede de atención á discapacidade

Centro residencial da Asociación Amicos (Imaxe: Amicos)
O número ascendente de contaxios pola COVID-19 puxo o foco nos centros de maiores. Mentres, a rede de residencias para persoas con discapacidades afronta con dificultades a corentena, con datos menores, pero crecentes, de persoas infectadas. 72, entre usuarias e traballadoras, segundo os datos de onte ahcegados por Política Social. Desde Redondela, o centro con máis casos, denuncian que as medidas de protección e seguranza chegaron "demasiado tarde". 

Da rede de Centros de Atención a Persoas con Discapacidade, os CAPD, o de Chapela, no concello de Redondela, é o que suma máis casos de persoas contaxiadas pola COVID-19.Segundo os datos achegados pola Consellaría de Política Social, onte contábanse un total de 26 residentes e 15 traballadoras infectadas neste centro público con 120 prazas.

Uxío Zabala traballa como técnico auxiliar no centro e é ademais o delegado sindical da CIG. Censura que as medidas en prevención e seguridade necesarias se aplicaron "cando xa era demasiado tarde". "É certo que o risco cero non existe, pero desde o meu punto de vista a Administración e a directiva non souberon medir a gravidade da situación", declara a Nós Diario. O 24 de marzo, a CIG interpuxo unha denuncia ante Inspección de Traballo pola carencia de material de protección.

Administración e a directiva non souberon medir a gravidade da situación, di Uxío Zabala

Zabala asegura que os protocolos ditados pola Consellaría de Política Social penduraban dos taboleiros do centro, sen chegar a aplicarse na súa extensión. "Porén, a responsabilidade recae só na directiva. Penso que a Xunta non foi capaz de tomar unha fotografía certa da afectación", asegura. 

Probas e material

Desde a pasada sexta feira pola tarde as traballadoras do CAPD de Chapela conducen até o hospital Montecelo, en Pontevedra, para recibir a proba da COVID-19. O propio director do centro, a médica ou  a xefa de persoal permanecen en corentena nos seus fogares após recibir o positivo.

En tanto, as residentes enfermas ou que mantiveron contacto con persoas afectadas permanecen illadas. O persoal matinou trasladalas ao centro da terceira idade que a Xunta habilitará en Panxón, no concello de Nigrán, para residentes da terceira idade. Desbotaron a idea, ao considerar que as instalacións non son as adecuadas.

"As nosas usuarias son persoas moi sensíbeis, moitas sofren múltiples patoloxías e precisan medicación. Póñense nerviosas cando nos achegamos cos equipos de protección ou ao detectar caras novas", di Zabala.

Desde que se identificou o brote,  chegou reforzo para axudar a un cadro de persoal afectado polas baixas. "E continúan procurando máis mans, pero é difícil porque ninguén quere traballar nun centro con contaxios", apunta este traballador do CAPD.

Os outros positivos

A Consellaría de Política Social informou onte dun total de 40 usuarias e 32 traballadoras contaxiadas nos CAPD galegos e outras residencias de titularidade privada ou xestionadas por entidades sociais. O de Sarria acumula 16 contaxios, sumando residentes e traballadoras; na residencia Dano Cerebral Cruz Vermella de Castro de Rei detectáronse  tres positivos, dous en Santa Cruz de San Rosendo en Ourense e un, respectivamente, en Aspronaga Oleiros e en Aixiña de Ourense.

Na residencia da Asociación Amicos, en Boiro, detectouse o contaxio dunha traballadora. Segundo explica Sandra, unha empregada que prefire non compartir o seu nome real, no inicio da corentena parte do persoal marchou a casa após un ERTE e outro viuse obrigado a tomar unhas vacacións. "Estaba previsto que servísemos de retén, en caso de contaxio, para substituír algunha posíbel baixa", di.

Para arredor de trinta residentes que fican no centro as traballadoras son "como unha familia". "Ao principio pensaban que se trataba dunha broma", relata Sandra, matizando que parte das trinta residentes ten dificultades para expresarse, "persoas con danos cerebrais, por exemplo".

"No centro trabállase con Equipos de Protección Individual, mais agardo que despois do positivo se extremen as precaucións. Eu sei que o persoal o dá todo para que o día a día sexa o máis doado para as residentes dentro do posíbel", expresa esta traballadora.