Demandan habilitar os hospitais privados para as maiores das residencias con coronavirus

(Arxina)

CIG exixe que se realicen test urxentes para detectar a infección a todas as persoas residentes e traballadoras destes centros. 

CIG-Administración Autonómica e a CIG-Servizos, nas que se encadran as residencias de maiores públicas e privadas veñen de elaborar unha táboa reivindicativa conxunta para abordar a grave situación que se está a dar nos centros de maiores en Galiza.

Entre as súas principais demandas está a realización de tests a todas as persoas residentes nestes centros e a todo o persoal e que, para garantir a mellor atención, se habiliten os hospitais privados para atender ás afectadas. A proposta xa foi presentada á Xunta de Galiza, vaise dirixir á consellaría de Política Social e á Mesa de Traballo constituída pola Xunta cando se convoque a vindeira xuntanza.

Tamén piden protocolos de seguridade e saúde laboral en base a un Plan de prevención actualizado e aprobado por centro de traballo cos criterios de protección e hixiene para o persoal de Sanidade dos centros hospitalarios públicos que garantan a integridade das persoas traballadoras.

A demanda de medios como o Equipo de Protección Individual (EPI) están presentes nesa táboa, así como as medidas de hixiene “teñen que ser as máximas para todas as residencias”.

Tamén se pide un calendario de quendas (previo ao comezo da actividade) con xornada máxima e descansos definidos (semanais). “Rexeitamos o confinamento obrigatorio mentres non sexa un criterio establecido a nivel sanitario (e se este a dar tamén no persoal sanitario) e solicitamos a nulidade de requirimentos deste tipo”.