Social

Os positivos en COVID-19 nas residencias galegas aumentan 13% e xa hai 520 afectadas

Un operario co traxe de desinfeccion na Residencia de ancianos San Carlos de Celanova (Rosa Veiga/Europa Press).
Detectáronse 520 diagnósticos positivos deste novo virus no conxunto das residencias galegas desde que comezou o brote da COVID-19, segundo informou a Consellaría de Política Social. Case 400 son persoas usuarias e 127 son traballadores e traballadoras. 

Os casos positivos de coronavirus nas residencias galegas creceron 13,79% (+63) nas últimas 24 horas e elevan a cifra de afectadas até 393 usuarias (+47) e 127 traballadoras (+16).

Desta maneira, detectáronse 520 diagnósticos positivos deste novo virus no conxunto das residencias galegas desde que comezou o brote da COVID-19, segundo informou a Consellaría de Política Social esta cuarta feira.

En concreto, o número de residentes infectados creceu 13,58% desde a terza feira e o de empregados un 14,41%. A maior parte dos maiores infectados detectáronse en El Portazgo, na Coruña, 15 máis que onte cun total de 38 e na residencia de Moledo, en Vigo, 14 máis que na terza feira, un total de 15.

A estes 29 novos casos hai que sumar sete que apareceron en DomusVi Matogrande (A Coruña), catro en Castro Caldelas (até 6), tres máis en Cangas (108), un na Residencia Súa Casa (San Sadurniño, A Coruña), outro en Betania de Viveiro (2), outro en Galisenior en Ourense, outro en DomusVi Barreiro (72) e outro na CRAPD Vigo (2).

Ao mesmo tempo, tamén creceu o número de falecementos. Do conxunto de residencias galegas morreron un total de 30 persoas procedentes destes centros, oito delas nas últimas 24 horas.

Desde a Consellaría de Política Social apuntan a que "a maior velocidade" coa que se realizan o test explican o aumento de positivos que se están diagnosticando. Onte realizáronse un total de 800 probas na Galiza, entre residencias, centros para discapacitados e o resto de áreas sanitarias.

Casos totais en residencias

Os novos casos que rexistran as residencias de maiores súmanse aos que se manteñen no resto de centros galegos. Tras as residencias de Cangas (108) e Barreiro (72), atópanse a San Carlos de Celanova (44), El Portazgo (38), San Lázaro (23), San Pedro de Crecente (17), Nuestra Señora de la Esperanza en Ourense (15) e Residencia Moledo (15).

Con menos de 15 sitúanse: Nuestra Señora de Fátima en O Barco (13), Matogrande (7), Divino Maestro (7), Fogar Bellolar (6), Castro Caldelas (6), Concepción Arenal na Coruña (4), Foz (3), As Fragas (2), DomusVi Monforte (2), DomusVi Betania (2) e CRAPD Vigo (2).

Nas de Arteixo, Nosa Señora do Carme (Fisterra), San José (Narón), Súa Casa (San Sadurniño), José Otero (Santiago), Galisenior (Ourese) e Nuestra Señora de la Asunción (Caldas de Reis) contabilizouse un caso en cada unha.

Oito falecementos nun día

Por outra banda, o número de persoas procedentes de residencias de maiores que faleceron aumentou até os 30, oito máis desde a pasada terza feira.

Cinco destes maiores vivían na residencia DomusVi de Cangas, dous en El Portazgo e un en DomusVi Barreiro. Tres dos que residían en Cangas faleceron nas instalacións deste centro e o mesmo sucedeu coas dúas que estaban internas en El Portazgo e en Vigo. Os outros dous falecidos morreron no hospital.

Así, elévase a cifra de vítimas mortais procedentes de residencias a 30 persoas, repartidas na DomusVi San Lázaro (7), en Cangas (5), en Vigo (5), en El Portazgo (5), en Fogar Bellolar (2), Nuestra Señora de la Esperanza (2), en DomusVi Carballo (1), Divino Maestro (1), San Carlos de Celanova (1), Castro Caldelas (1).

Fontes de Política Social confirmaron a Europa Press que desde que comezou a expansión do COVID-19 (e se rexistraron as primeiras mortes) até o día de hoxe, 18 dos 30 falecidos procedentes de residencias morreron nas instalacións do centro onde vivían.

16 traballadoras máis afectadas

Ademais, rexistráronse 16 novos casos positivos entre as traballadoras destes centros de maiores, mentres que na pasada terza feira eran un total de 111, hoxe xa son 127.

Os novos diagnósticos apareceron, nove deles, en El Portazgo (18), tres en Castro Caldelas (3), dous en DomusVi Cangas (17), un en Betania (1) e outro en CRAPD Vigo (2).

Aumentan os casos nos centros CAPD

O número de persoas contaxiadas en Centros de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) son 37 internos e 31 empregadas. O centro de Redondela é o máis afectado, conta con 25 usuarios e 15 traballadores enfermos.

En canto ao resto de persoas usuarias, atópanse distribuídos en Sarria (7), en Castro de Rei (2) e un en cada unha das residencias de Aspronga (Oleiros), Aixiña e Santa Cruz San Rosendo.

Os traballadores e traballadoras que non se infectaron no CAPD de Redondela fixérono en Sarria (9), un en Vivenda Tutelada Aspas (Santiago), un en Amicos (Boiro), outro en Souto de Leixa (Ferrol), outro en Coral Seoane (Ferrol), outro en DomusVi Bóveda, outro en Vivenda Tutelada Ágora (Monforte) e outro no CAPD A Coruña.