"O feminismo non branquea o fascismo", o lema que resoa na rede

Imaxe dun dos carteis subidos á rede

"O feminismo non branquea o fascismo" foi o lema empregado nas redes por activistas feministas denunciando que a Xunta quere empregar o 8-M e a figura de Pardo Bazán para "branquear o franquismo". Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou nun acto sobre Pardo Bazán que "o tempo situará no seu sitio a quen se apropie do feminismo o use  como arma de confrontación política".

Os cancelos #UsosdeMeirás #FeijóoFeministo, xunto ao lema "o feminismo non branquea o fascismo" ateigaron esta cuarta feira, 3 de marzo, as redes sociais. Activistas feministas da Galiza denunciaron en múltiples chíos "a intención" da Xunta de empregar o 8-M e a figura de Emilia Pardo Bazán para "branquear o franquismo". 

A protesta chega logo de que o sábado 28 de febreiro se coñecese a proposta do Goberno galego para celebrar un acto institucional no Pazo de Meirás o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres: a entrega das Medallas Pardo Bazán coas que o Executivo galego recoñece entidades e persoas que traballan pola igualdade.

BNG e PSdeG consideran o anuncio da Xunta unha "provocación" que "instrumentaliza" as reivindicacións feministas. Defenden que a cerna de Meirás xire ao redor da memoria democrática e a denuncia do franquismo.

Preguntada pola proposta da Xunta de usar o Pazo de Meirás en actos do 8-M, a líder do BNG, Ana Pontón, considerou que se trata dunha “provocación” do Executivo de Feixoo para eludir o verdadeiro debate, o de por que o Goberno galego non recorre a sentenza xudicial que obriga indeminizar a familia Franco polo uso do pazo.

As deputadas socialistas Paloma Castro e Noa Díaz lembraron que as medallas son entregadas sempre o 16 de setembro, coincidindo co aniversario da escritora, o que as levou a cualificar esta “manobra” de “ocorrencia”, “artimaña” e de “estratexia torticeira”. A intención da Xunta, dixeron, é “utilizar o Día Internacional das Mulleres para desviar o uso futuro do Pazo de Meirás da memoria democrática” co que intentan “agochar os capítulos máis negros da nosa historia” e exixiron ao PP que “deixen de branquear o fascismo”.

O delegado do Goberno español, Javier Losada, incidiu en que o pazo non está aínda en condicións de albergar ningún acto a causa das remodelacións, motivo polo que o evento da Xunta non se fará alí.

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou esta cuarta feira nun acto sobre Pardo Bazán que "o tempo situará no seu sitio a quen se apropie do feminismo o use  como arma de confrontación política".