“Moita xente loitou por que Verín tivese un hospital, non podemos retroceder no tempo”

Manifestación contra o desmantelamento de servizos no Hospital de Verín en 2018 (Plataforma na Defensa da Sanidade Pública-Monterrei)

Esta sexta feira a Marcha Mundial das Mulleres e a asociación Arrolos de Teta convocan unha concentración contra o feche do servizo de partos do Hospital de Verín. Sábado, 30 de novembro, a veciñanza tomará as rúas contra o desmantelamento do centro hospitalario. "Esperamos unha mobilización masiva", avanzan desde a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei.

Hai dous anos a xerencia da área sanitaria de Ourense recibiu unha advertencia, achegábase a xubilación do pediatra do Hospital de Verín e cumpría procurar a súa substitución. “Fixemos concentracións durante un mes na porta do Hospital, profesionais e veciñanza, pola falta de profesionais no Hospital”, conta a Sermos Galiza Aurora Solas, da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública. O pediatra xubilouse, a súa praza non foi cuberta e a partir do 1 de decembro as urxencias pediátricas e os partos atenderanse no Hospital de Ourense.

Esta e outras carencias no centro hospitalario levou á Plataforma a retomar as mobilizacións. O sábado, 30 de novembro, ás 17 horas tomarán de novo a rúa. “Moita xente loitou por que Verín tivese un hospital, non podemos retroceder no tempo e volver aos anos setenta, percorrendo as estradas. Manifestarémonos o tempo que faga falta, como se hai que mobilizarse até as eleccións galegas”, anuncia Solas.

“Temos medo de que digan que os números de cirurxías non son suficientes e que eliminen o servizo. Do mesmo xeito que fixeron co caso dos partos, poñendo coutos para que os números sexan favorábeis ao peche”

Peche de servizos

A Comisión delegada do Hospital de Verín denuncia que os servizos restantes adoecen. “Eliminouse o de dermatoloxía, pois tras a xubilación do profesional a súa praza non foi cuberta. De catro cirurxiáns dous están de baixa; os restantes teñen que facer gardas localizadas de quince días. Cando hai unha urxencia en cirurxía teñen o apoio do xinecólogo, e cando hai unha urxencia en xinecoloxía acude o cirurxián”, denuncian.  

Plataforma e Comisión adiantan que temen o desmantelamento do servizo de cirurxías. “Ademais das baixas non hai anestesistas suficientes, polo que en ocasións suspéndense as cirurxías”, explica Solas. “Temos medo de que digan que os números de cirurxías non son suficientes e que eliminen o servizo. Do mesmo xeito que fixeron co caso dos partos, poñendo cotos para que os números sexan favorábeis ao peche”, din desde a Comisión.

“O peche do paritorio é un paso máis no desmantelamento do hospital”, denuncia a Comisión. “Esperamos que a manifestación do sábado sexa masiva”, adianta Aurora Solas, “a xente está moi cabreada e non imos permitir este agravio á infancia e ás mulleres, quen vai responder do que poda acontecer durante o traxecto?”.

Rexeitamento do Concello

Esta semana o Goberno local de Verín emitiu un comunicado no que censuraba o peche do servizo. "Durante os últimos anos, no noso Hospital Público de Verín fóronse aplicando paulatinamente recortes que levaron a unhas consecuencias tremendas: masificación de consultas, cupos desbordados, redución de profesionais, non substitucións dos mesmos, lista de espera amplísimas, peche de axendas ou saturacións", indica o documento. Por este motivo, o consistorio amosa "a súa condena á política de recortes" en sanidade. O Goberno local tamén esixe á Xunta de Galiza a reversión do peche do servizo de partos, así como "novas melloras na área sanitaria".