“O parto é noso”, mulleres contra o feche do paridoiro en Verín

Nais, matronas e veciñas protestan contra antes as portas do CHUO contra o traslado do servizo de partos desde Verín (Imaxe: Marcha Mundial das Mulleres)
Nesta sexta feira concentráronse ante as portas do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) nais, matronas e integrantes da Marcha Mundial das Mulleres para reclamar a reversión do traslado do servizo de partos do Hospital de Verín. Baixo o lema “O rural non se pecha e os dereitos das nais non se recortan” sinalaron a Xunta como responsábel dos recortes.

Segunda xornada de mobilizacións en protesta do traslado do servizo de partos do Hospital de Verín. A primeira tivo lugar o luns, cando o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Félix Rubial, trasladou a decisión ás nais e profesionais do centro. No auditorio no que tivo lugar a súa comparecencia recibiuno a veciñanza reclamando a berros a súa “dimisión”. Na segunda nais, matronas e veciñas concentráronse ante as portas do Complexo Hospitalario de Ourense para demandar a reversión do traslado. Co lema “o rural non se pecha e os dereitos das nais non se recortan” e "o parto e noso" sinalaron a culpabilidade da Xunta de Galiza e da xerencia da Área Sanitaria.

Na súa intervención do luns Rubial defendeu a decisión, que xustifica polo baixo número de nacementos na comarca de Monterrei, e alegou que “as profesionais desas unidades rematar por perder pericia nos procedementos, poñendo en risco a vida do bebé e da nai con esa falta de experiencia”. As súas verbas foron contestadas por contundencia pola Asociación Galega de Matronas (AGM), que emitiu un comunicado para rebatelas e defender as profesionais do Hospital de Verín.

“Parir en Verín foi e segue a ser seguro”, di o comunicado. Nel a AGM argumenta que a proporción de matronas por muller do centro, unha por paciente, e a proximidade á poboación do hospital tradúcense “na calidade e seguridade na asistencia”. “​A ausencia de pediatras, xunto cun interese desde hai moitos meses de que cada vez acontecesen menos nacementos en Verín, derivando ao CHUO a unha gran cantidade de usuarias ,propiciaron que se chegara ao punto de tomar a decisión de prescindir do paridorio”, denuncia a asociación.

O sábado continuarán en Verín as mobilizacións contra o desmantelamento do hospital. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública convocou unha manifestación ás 17.30 ás portas do complexo hospitalario.