O Hospital de Verín deixa de atender partos e crianzas

Manifestación da Platagorma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei en febreiro de 2018 (Plataforma en Defensa da Sanidade)
A partir do 1 de decembro o servizo de partos do Hospital de Verín derivarase ao de Ourense. A problemática de fondo, denuncian desde a Comisión delegada do Hospital de Verín, é a falta de pediatras que atenda as mulleres e as urxencias das menores de 14 anos. O feche do paritorio, sinalan, é un paso máis no desmantelamento da sanidade na comarca de Monterrei.

O anuncio do traslado do servizo de partos do Hospital de Verín ao de Ourense ten recibido a resposta crítica de profesionais da saúde, veciñanza, sindicatos e forzas políticas. A partir do 1 de decembro, as mulleres da comarca de Monterrei terán que desprazarse en coche para dar a luz. “O problema non é só para as mulleres, senón o feito de que ao non haber pediatras tamén se desviaran as urxencias dos menores de catorce anos a Ourense”, alertan desde a Comisión delegada do Hospital de Verín.

Nunha rolda de prensa a pasada cuarta feira o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Felix Rubial, explicou que o feche obedece ao baixo número de nacementos na comarca de Monterrei. O pasado ano tiveron lugar 89 e, no que levamos de 2019, 47 mulleres deron a luz, ficando 12 por facelo. “O certo é que en 2018 o paritorio mantívose pechado máis dun mes, e que hai gardas que non se podían cubrir. O marco para atender ás mulleres xestantes era moi ríxido, a pesar de que había profesionais que as podían atender había casos de risco, por exemplo, que eran derivados a Ourense”, denuncia a Comisión.

“A realidade é que o Hospital de Verín depende do servizo de pediatría de Ourense. Os pediatras están realizando gardas localizadas en Verín e despois non dan a basto para atender as necesidades en Ourense”, sinalan. En circunstancias normais unha matrona atende os partos, mais precisa do apoio dunha pediatra para atender á recen nacida.

Esta segunda feira manttívose unha reunión coas mulleres afectadas polo traslado do servizo, aquelas cuxo parto está previsto para o mes de decembro, para explicarlles situación. “O xerente asegurou que se mantería a asistencia pre e posnatal ás mulleres”, explican desde a Comisión. Mais isto non impedirá que teñan que realizar traslados de máis de setenta quilómetros para ser atendidas á hora de dar a luz.

Coincidindo coa xuntanza convocouse unha protesta a través das redes sociais e de servizos de mensaxería ante o Hospital de Verín. Non será a única celebrada esta semana, pois o sábado a Plataforma pola Sanidade Pública da Comarca de Monterrei impulsa unha manifestación en defensa do Hospital de Verín, do que denuncian o seu “desmantelamento”. Neste 25 de novembro, día Internacional contra a Violencia Machista, a Marcha Mundial das Mulleres denuncia que o peche do servizo de partos é un exemplo “de violencia obstétrica contra as mulleres”.