Feixoo avanza que haberá limitacións para os eventos de pé

García Comesaña e Núñez Feixoo nunha xornada de reunión do Comité Clínico en maio. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, amosou a súa satisfacción por contar co apoio do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza para solicitar o Certificado Covid en bares e restaurantes. Aliás, dada a evolución epidemiolóxica, advertiu de que a semana próxima poden chegar limitacións para os espectáculos de pé. Tampouco descarta novas medidas de contención do coronavirus.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosou esta sexta feira a súa "satisfacción" pola autorización do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a que se demande o Certificado Covid para acudir aos restaurantes e aos bares e cafeterías, estes últimos tan só a partir das 21 horas. En calquera caso, xa avanzou que a semana que ben podería chegar o cambio das actividades de pé para que o público estea sentado.

Malia que a do pasaporte do coronavirus é a última medida que entra en vigor para frear a expansión, ao tempo que quedará vixente a redución dos grupos de 10 a oito persoas en interiores e de 15 a 20 en espazos exteriores, Feixoo xa avanzou que a semana próxima entrarán en estudo novas limitacións.

Debido aos datos de contaxios, a Xunta considera oportuno analizar a posibilidade de "substituír" actividades que xa se estaban facendo con público de pé polas mesmas pero con cadeiras, para que as persoas permanezan sentadas.

"A semana que vén, probabelmente, iremos falando da oportunidade de substituír actividades de pé por sentadas, iremos falando das ceas con carácter xeral sentados, na mesa con oito persoas como máximo", subliñou.

Previsión ante a "sexta onda"

Na súa intervención desta sexta feira en Vigo, na que falou dunha "hostalaría galega segura", recoñeceu que ante a "sexta onda" non se poden descartar novos pasos prohibitivos.

"Temos que seguir traballando para que non impacte na economía en Nadal", defendeu, coa intención de evitar "outras decisións" que si chegaron a Portugal ou a Austria, por indicar algúns exemplos.  

"A vacina está sendo a ferramenta máis efectiva, non é a infalibilidade ao 1.000%, a vacina non é infalíbel, ten espazos nos que o contaxio é máis benigno, probabbelmente sen necesidade de ingreso", animou á xente a que atenda as chamadas para a dose de reforzo e, no caso da poboación que non fóra vacinada nun principio, que se trate.

Sobre a imposición doutras medidas, Feijóo subliñou que "ningunha autoridade de saúde pública responsábel pode neste momento descartar de forma categórica decisións que non dependen da autoridade sanitaria, senón da evolución e do impacto e incidencia do virus".