Feixoo asegura que se entregará a documentación das caixas: "Non hai nada que ocultar"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en rolda de prensa (Imaxe: Europa Press).
Unha condena do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza condenou a Xunta por impedir o acceso do deputado Antón Sánchez a documentos relativos á fusión das caixas galegas. A comisión de investigación sobre a operación, que rematou co rescate estatal e a compra da entidade por Banesco, nunca obtivo resultados.

O presidente da Xunta da Galiza, o popular Alberto Núñez Feixoo, asegurou este xoves que "non hai nada que ocultar" e que se "entregará" a documentación da fusión das caixas galegas que falte. Así o afirmou en rolda de prensa despois de que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza condenase a Administración galega a facilitar ao deputado Antón Sánchez dita documentación. Este optou por recorrer á Xustiza tras requirila en 2013 e, posteriormente, en 2018 en até tres ocasións.

A propia Administración galega recorreu a denuncia de Antón Sánchez, aducindo que dita documentación fora posta a disposición do deputado, se ben o prazo ditado pola lexislación xa expirara. Porén, Sánchez sinalou que a entrega non incluía todos os informes requiridos. O mandatario galego defendeu que o Executivo galego enviara "unha enorme cantidade de documentación" ao Parlamento.

A Consellaría de Facenda entregou no seu día 34 caixas con informes, que só deputados e deputadas da Cámara poden consultar. A comisión de investigación parlamentaria aberta en 2013 nunca chegou a súa fin, pois as conclusión da súa fase preliminar, que pola súa natureza non poden ser levadas ante a Xustiza, non se chegaron a escribir.

"Pensamos que a documentación está nesas 34 caixas, pero imos revisala e, no caso de que non estea, facilitarémola toda", garantiu Núñez Feixoo. O mandatario indicou que se trata de "dous documentos" que se porán "a disposición" do deputado. A maiores, defendeu que a Xunta podería "alegar causa de forza maior ou entregar a documentación", matizando que a Administración optará pola segunda opción.