TSXG condena a Xunta por ocultar información sobre a fusión das caixas a Antón Sánchez

Antón Sánchez (Nós Diario).

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) condenou a Xunta por "vulnerar" os dereitos do aínda deputado Antón Sánchez cando era membro da coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e solicitou información sobre a fusión das caixas de aforros galegas e o seu posterior proceso de bancarización, a cal non chegou a recibir desde a súa reclamación en 2013.

A sentenza refírese a unha petición que, con posterioridade, en 2018, o parlamentar actualmente do Grupo Común de Esquerda formulou ante o presidente da Cámara, Miguel Santalices, ante o que cualifica como "ocultación sistemática de información sobre a fusión e posterior privatización" .

Como indica a sentenza, a Xunta é "condenada por violar o artigo 23 da Constitución", é dicir, por "obstruír sistematicamente o labor da oposición", en palabras de Antón Sánchez, quen ironizou sobre a defensa da Carta Magna que "o Partido Popular di que fai tanto".

Sánchez denunciou a "ocultación" de información coa "maior estafa económica aos galegos, que viron como o 40% dos seus aforros quedaban en mans dun banco estranxeiro e se vendían ao prezo de amigo". Ademais, a comisión de investigación iniciada en 2012 nunca se pechou cun ditame no Parlamento galego, aínda que varios ex-directores foron condenados polos millóns en indemnización recibida antes da desaparición das caixas de aforros e a súa fusión.

"Agora vemos as consecuencias dun negocio que saíu de balde a un banco, que reporta beneficios millonarios ano tras ano grazas ás decisións políticas tomadas por Núñez Feixoo e polo PP", afirma Sánchez.

A sentenza dá por probado que a Xunta "ocultou información transcendental no proceso durante anos" e obriga á Administración autonómica a entregar de inmediato a Antón Sánchez os documentos solicitados ou, no seu caso, facilitarlles o acceso a eles.