A Xustiza levanta o veo da fusión das caixas ás portas das eleccións

Núñez Feixoo celebra en 2010 a fusión das caixas galegas coas súa directivas (Imaxe: Europa Press).
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza condena a Xunta por vulnerar o acceso a información pública semanas antes das eleccións do 12 de xullo. A comisión que investigou a fusión das caixas non chegou a ningunha conclusión tras sete anos. 

A carta na que a Xunta da Galiza encarga á consultora KPMG, por un importe dun millón de euros, a elaboración da diagnose da viabilidade da fusión das caixas galegas ou o informe a favor da operación elaborado pola daquela conselleira de Facenda, a popular Marta Fernández Currás. Son algúns dos documentos que a Administración galega deberá entregar ao deputado Antón Sánchez en virtude dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.

O Alto Tribunal galego condenou a Xunta por ocultar esta documentación, reclamada por Sánchez a través da Presidencia do Parlamento galego en até tres ocasións, obstruíndo "sistematicamente o labor da oposición" e vulnerando o dereito fundamental a participar nos asuntos públicos. A sentenza dá por probado que a Xunta "ocultou información transcendental no proceso durante anos".

Ás portas dos comicios do 12 de xullo a pantasma da fusión de Caixanova e Caixa Galicia regresa dez anos logo daquela operación. O resultado, Nova Caixagalicia, tivo un breve percorrido antes do nacemento de Novagalicia Banco, constituído en setembro de 2011 e de trazado igualmente efémero. En 2013 o grupo venezolano Banesco mercouno por 1.003 millóns de euros. No primeiro ano de actividade da xa denominada Abanca os beneficios da entidade ascenderon a 1.115 millóns de euros.

Previamente, Novacaixagalicia recibiría por volta de 10.300 millóns de euros de axudas públicas para facer fronte á crise económica e mais ao resultado duns tóxicos investimentos en ladrillo. Do cuarto rescate bancario máis custoso para as arcas públicas, tal e como o cualificou o Tribunal de Contas, só se recuperaron 783 millóns.

Paralelamente, a Audiencia Nacional investigou as indemnizacións millonarias das directivas das caixas galegas. Como resultado os ex directivos Julio Fernández Gayoso, José Luis Pego, Oscar Rodríguez Estrada e Gregorio Gorriarán foron condenados a dous anos de cadea por un delito de administración desleal xunto cun de apropiación indebida na súa modalidade de xestión desleal.

No Parlamento da Galiza, a comisión de investigación da operación de fusión leva anos paralizada, logo da súa constitución o 14 de marzo de 2013, e sen resultados concluíntes. 

Da fusión ao banco

En xaneiro 2009, logo de asumir a presidencia da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo descartaba a fusión de Caixanova e Caixa Galicia. "Sería unha precipitación", asegurou naquela altura. Fernández Gayoso, daquela presidente de Caixanova, tamén se amosaba contrario á operación. "Os empresarios están mellor servidos con dúas", afirmou.

Até entón, en sintonía con outras entidades do Estado, as caixas galegas puxeran en práctica unha firme aposta polo sector da construción e mais o inmobiliario. En 2007, a construción representaba 23% e 26% das carteiras industriais de Caixanova e Caixa Galicia respectivamente.

Ao longo de 2009 medrou o debate arredor da fusión das dúas caixas galegas, en troques dunha operación similar pero cunha caixa doutra área do Estado. En novembro dese ano Núñez Feixoo anunciou o encargo dunha auditoría externa da situación das dúas entidades. KPMG foi a auditora escollida.

Segundo a compañía, a operación suporía uns custos de restruturación de 584 millóns de euros, que serían amortizados en 2013 logo que de as sinerxías xerasen 120 millóns de euros netos cada ano. As entidades solicitarían ao Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) 1.190 millóns de euros para a unión.

O resultado do informe presentouno o líder do Executivo galego ao gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, en xaneiro de 2010. O rexedor popular amosou a súa satisfacción polas conclusións do informe que, aseguraba, certificaban a "solvencia" da operación, que se consumou en 2010

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da quinta, 26, nos quiosques ou na nube]