A Feira da Plantación de San Sadurniño volve tras dous anos cancelada, cunha nova localización

Edición da Feira da Plantación de 2018. (Foto: Nós Diario)
"É unha feira moi consolidada, que permite xerar recursos para as empresas que xestionan viveiros, porque están a pasalo moi mal desde o comezo da pandemia", conclúe Manuel Varela, edil responsábel de organizar o evento.

Este domingo, 24 de abril, volverá decorrer tras dous anos cancelada pola pandemia a Feira da Plantación do Concello de San Sadurniño, unha das principais citas na Galiza para os donos de viveiros e amantes das actividades relacionadas coa "produción floral".

Esta edición, vixésimo quinta da súa historia e "especial" por ser a primeira que ten lugar desde que comezou a pandemia, contará cunha nova localización, tal e como explica a Nós Diario o concelleiro responsábel da organización do evento, Manuel Varela.

A zona do paseo fluvial do Xuvia foi o espazo escollido polo Goberno local para que teña lugar a Feira da Plantación. "A xente poderá vir, comprar as súas plantas e pasar o día coa familia en San Sadurniño", afirma Varela, quen detalla que os asistentes contarán cunha zona con mesas e cadeiras ao carón do río que, "se o tempo o permite", será "ideal" para desfrutar da tarde.

"Tamén é unha ubicación mellor para os viveiros, que poderán ter os seus postos ao aire libre e mellor expostos", engadiu Varela, para despois sinalar que este ano serán "uns 45" os postos que abrirán durante todo o domingo, de 10 a 20 horas.

Promover e impulsar San Sadurniño

O edil preferiu non dar unha previsión de canta xente asistirá a esta nova edición da Feira da Plantación, "Algúns falan de 5.000, outros de 7.000, e eu prefiro non mollarme dando unha cifra, porque é moi difícil de calcular".

Segundo explica, a propia idiosincrasia do evento fai que moita xente chegue a San Sadurniño desde outros puntos da comarca, leven a cabo as súas compras e volvan aos seus fogares, dificultando así a tarefa de contabilizar o número de asistentes total.

Porén, matiza que "o que si temos claro é que o día que decorre a Feira os estabelecementos de hostalaría están a 100% de ocupación". Precisamente ese é un dos incentivos de recuperar o festival: promover e impulsar tanto os negocios locais como o patrimonio natural e rural de San Sadurniño, "atraendo xente de toda a comarca".

"É unha feira moi consolidada, que permite xerar recursos para as empresas que xestionan viveiros, porque están a pasalo moi mal desde o comezo da pandemia", conclúe Manuel Varela.