Gastronomía

Baño de masas, desfiles e a comida como protagonista nunha Feira do Cocido marcada pola campaña do 18-F

O cabezudo Don Cocho encabezou o desfile tras o pregón sazonado de retranca e humor. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou Lalín este domingo acompañado doutros dirixentes populares. E, após participar na manifestación en defensa da sanidade pública en Santiago, tamén se desprazou até a capital do Deza a candidata do BNG, Ana Pontón.

Cohesionador, democrático, europeísta, internacionalista e até anticapitalista. O amplo espectro ideolóxico que a escritora Yolanda Castaño, pregoeira da LVI Feira do Cocido de Lalín, atribuíu ao popular prato que tivo este domingo o seu día grande na capital do Deza tivo reflexo metafórico nos dirixentes de distintas formacións políticas que pugnaron, entre selfies, sorrisos, aplausos e algún baile, por compartir protagonismo co anfitrión: Don Cocho.

O cabezudo Don Cocho encabezou o desfile tras o pregón sazonado de retranca e humor que, con miles de persoas nas rúas desta localidade, Castaño dedicou ás mulleres de Lalín: "As únicas do mundo felices de celebrar San Valentín namorando dun porco". Ocorrencia que foi aplaudida tanto polas autoridades como pola multitude de asistentes que se pegaban aos valos para non perder a procesión festiva do Cocido.

Pero horas antes dos aplausos multitudinarios a Don Cocho e ás carrozas que o sucederon, de que a 'speaker' destacase que unha das principais representacións portábaa un tractor de gran magnitude "recentemente comprado" e a cuxo condutor felicitou pola súa pericia, cando a charanga Os Verbeneros empezaba a animar o pobo sobre as 10.30 horas, co transfondo da campaña electoral de cara ao 18-F, as primeiras personalidades políticas empezaron a aparecer pola praza do Concello.

Aínda que a candidata nacionalista a presidir a Xunta, Ana Pontón, non quixo perder a cita após acudir á manifestación en defensa da sanidade en Santiago, evidenciando que é compatíbel reivindicar melloras sanitarias nunha protesta masiva que reuniu as forzas da oposición con gozar dunha festa gastronómica galega multitudinaria, os principais baños de masas na capital do Deza reserváronos os populares.

Dos primeiros en chegar, no inicio dos actos institucionais presididos polo alcalde, o popular José Crespo, foron o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que non dubidou en sacar unha foto cun cachorro —os "novos bebés" das campañas, chancearon algúns asistentes— que tamén levaba unha capa de 'comendador' do Cocido.

Pero houbo sorpresa, polo menos para os xornalistas que se desprazaron até a localidade no marco da campaña, pois apareceu o alcalde de Madrid, o tamén popular José Luis Martínez-Almeida, ademais do presidente da Xunta e candidato popular á reelección, Alfonso Rueda, quen entre outras autoridades locais de todas as cores políticas deu o disparo de saída da festa.

Concluído o acto de inauguración, tras un paseo e visita á carpa que se traduciu nun baño de masas para Rueda —aínda que algunha muller confesou non ter moi claro se xa era "o presidente" ou o se "vai selo"—, sumáronse outros dirixentes como os conselleiros de Medio Rural, José González, ou o de Sanidade, Julio García Comesaña, quen asegurou "tomar nota" das demandas da manifestación en Compostela após criticala.

E apareceu tamén o ex presidente do Goberno español Mariano Raxoi, quen tampouco escatimou, como o candidato Rueda, en apertas e selfies cos asistentes ao gran día dunha festa que, proclamara Rueda pouco antes, "reinvéntase" cada ano da man de Crespo. Igualmente, deixouse ver a popular Ana Pastor.

Amigo confeso da festa, baño de masas mediante e tras xustificar que o pobo galego é "traballador" pero tamén 'festeiro', Rueda non se esforzou en disimular que o estaba pasando ben. O corpo ía só e, de camiño ao palco, antes do desfile, púidoselle ver tararear unha mítica peza popular ao ritmo de charanga: 'Vivir na Coruña, que bonito é. Andar de parranda e durmir de pé'.

Tras participar na manifestación en defensa da sanidade pública da capital galega e cando aínda non concluíra o gran desfile lalinense previo á comida —que se podía gozar en calquera restaurante da zona con imprescindíbel reserva e tras pagar un prezo medio de entre 30 e 35 euros—, chegou a nacionalista Ana Pontón.

A dirixente atendeu os medios e pousou, relaxada, con quen llo pediu mentres esperaba a que concluíse o desfile para visitar a carpa. Nela, precisamente, a casualidade quixo que se achegase a un posto de produtos como xamón e chourizo no que previamente estivera Rueda. E aproveitou para probar o chourizo.

Aí, os asistentes xa despexaran de forma maioritaria as rúas para ir comer, concluído o pregón de Yolanda Castaño, unha das sete persoas que nesta edición tornaron en comendadores do Cocido, xunto con Michel Durrieu, Francisco Fumega, Belén Xestal, Rafael López, José González e Víctor Manuel Vázquez Portomeñe.

A escritora, Premio Nacional de Poesía e Premio Cultura Galega das Letras 2023, aproveitou para dar as grazas a quen pensara nela para pronunciar o pregón e destacou que era a primeira escritora en facelo.