A Federación Ecoloxista Galega pide unha xestión pública "máis sustentábel" a partir das eleccións do 12 de xullo

Parque eólico (arquivo).
"Non caiamos de novo na falacia de que o desenvolvemento económico se debe facer a costa da degradación ambiental", alertan aos partidos políticos que se presentan ás eleccións no Día Mundial do Medio Ambiente.

A Federación Ecoloxista Galega (FEG), en representación das entidades ecoloxistas e naturalistas Adega, Adenco, APDR, CES, MEL, Néboa, Papaventos, Vaipolorío,Verdegaia, e Amigos da Terra envía no Día Mundial do Medio Ambiente as súas propostas de cambio na xestión pública cara a un modelo máis ecolóxico e sustentábel ás formacións políticas candidatas ás eleccións do 12 de xullo, co obxectivo de que as incorporen nos seus programas electorais e, posteriormente, na súa acción de Goberno ou de oposición.

Desde a FEG salientan que debido á crise ambiental global "o futuro Goberno da Galiza se enfronta ao enorme reto de promover unha mudanza radical nos diferentes eidos de xestión pública".

"Agora máis que nunca, tras a experiencia vivida pola situación de alarma sanitaria derivada da Covid-19, debemos ser conscientes e actuar en consecuencia a prol do coidado do noso entorno", manifestan, para engadir que "o confinamento humano amosou efectos moi positivos para a biodiversidade galega e parámetros de calidade ambiental como a diminución da contaminación atmosférica".

"O que parecía imposíbel, agora é posíbel"

A FEG incide en que "non podemos agardar máis a mudar profundamente o noso sistema económico, a nosa maneira de pensar e actuar, as nosas prioridades vitais, os nosos valores e a forma na que nos organizamos e nos mobilizamos como sociedade". "O coronavirus demostrounos que o que parecía imposíbel, agora é posíbel", aseveran.

"Non caiamos de novo na falacia de que o desenvolvemento económico se debe facer a costa da degradación ambiental", trasladan as formacións políticas ao considerar que perante a crise que vén se deben "evitar" os "recortes en medio ambiente" e a "flexibilización das normativas ambientais". Accións que "en pasadas crises económicas non contribuíron a resolver nada e, pola contra, instensificaron e aceleraron a degradación do noso territorio".

Entre as propostas que consideran urxentes recollen o abandono do carbón para "promover a socialización das renovábeis para reducir drasticamente as emisións e acadar a xustiza climática", aplicar unha política de ordenación do territorio que "limite" o crecemento urbanístico e "defensa" da costa, apostar por trens "de proximidade" para o transporte e "ordenar a industria extractiva con criterios sociais e ambientais".