Unha biodiversidade cada vez menos diversa

As dunas de Corrubedo compoñen un dos seis parques naturais da Galiza.
Este ano, no Día Internacional da Diversidade Biolóxica que se celebra cada 22 de maio, a ONU lémbranos que na natureza están "as nosas solucións". Protexela e recuperala é prioritario para as organizacións ecoloxistas galegas, que afean á Xunta a falta de sensibilidade e de respecto polo patrimonio natural.

Cando se lle pregunta a Sergio París, técnico do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental da Galiza, o Ceida, polas ameazas ás que está sometida a biodiversidade no país, o especialista apunta aos cambios no modelo produtivo e á perda de paisaxe agraria tradicional galega das últimas décadas, causada, ben por abandono do territorio, ben pola intensificación da actividade produtiva e pola súa "hiperespecialización".

"Estamos perdendo a paisaxe cultural agraria tradicional e isto supón a perda de especies e de ecosistemas que levan convivindo co ser humano milleiros de anos. Pasamos dun territorio que é o mosaico rural tradicional galego, un mosaico agrario de convivencia entre as persoas e a natureza, a un modelo no que ou se abandonan ou se intensifican os usos, mediante o monocultivo agrario e forestal, como o son as plantacións de millo e a eucaliptización, que está destruíndo a paisaxe, con todo o que implica, tanto a nivel social como de biodiversidade", expón París, coordinador de espazos naturais protexidos do Ceida.

Para protexer a diversidade biolóxica, "integrando os requisitos de conservación, uso sostíbel, mellora e restauración nas políticas sectoriais", Galiza conta desde xullo do ano pasado cunha actualizada Lei de patrimonio natural, moi contestada por organizacións ecoloxistas como Adega. Nas súas eivas, mais tamén no seu incumprimento, os colectivos atopan graves barreiras, non xa para recuperar o patrimonio natural perdido, senón para frear o "galopante" deterioro ambiental.

Así o estima Manoel Santos, coordinador de Greenpeace na Galiza. "A biodiversidade non é unha prioridade para a Xunta", observa o activista, en declaracións a Nós Diario, e sinala dous eixes "que deberían ser transversais a calquera política, sexa turística, económica ou cultural": a loita contra a emerxencia climática e o freo á perda de biodiversidade.  

Un dato sérvelle para exemplificar as políticas de conservación do Goberno galego. "Temos a menor superficie de espazos protexidos do Estado, por debaixo de 12% do territorio, cando en España a media anda por 27%", apunta, para indicar  que a ONU fixa en 30% o territorio que deberá estar protexido en 2030. "Ese tería que ser o obxectivo da Xunta", opina, e afea tamén a falta de plans de uso e xestión para o territorio protexido. Segundo denuncia, nin sequera os seis parques naturais da Galiza contan con eles, "cando son obrigatorios por lei".

"Multidimensional"

As estratexias, para Santos, deben ser "multidimensionais", e abranguer desde un cambio no tipo de produción agrogandeira cara a unha gandaría extensiva e unha agricultura ecolóxica, "que favorecen a conservación da biodiversidade e da nosa característica paisaxe en mosaico", á recuperación do bosque autóctono, rías e zonas húmidas. 

Para iso tamén empraza a Xunta a "cumprir a lei, mesmo as súas propias, e tamén as directivas europeas". Pon outro exemplo: "temos un catálogo galego de especies ameazadas que, cando se creou, pautaba a creación de plans de conservación, mais das 75 en perigo de extinción e as 126 vulnerábeis que deberían ter eses plans, unicamente existen tres".

Tamén desde Ecoloxistas en Acción urxen a promoción de plans de conservación e recuperación "para todas as especies de fauna e flora catalogadas como vulnerábeis ou en risco" e aluden a unha necesaria ampliación do territorio protexido, "favorecendo a conectividade ecolóxica entre os espazos naturais"

O seu portavoz na Galiza, Cristóbal López, empraza o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a "mudar a súa política laxa e blindar o patrimonio natural galego cunha lei de avaliación medioambiental que obrigue a uns detallados estudos de impacto ambiental a calquera proxecto que potencialmente poida resultar lesivo e que estabeleza tempos e canles que favorezcan a participación cidadá".

 A "complicidade" do Goberno galego co sector da caza ou o pouco peso da conservación da biodiversidade na planificación do territorio son outros dos reproches da organización, que advirte do "grave erro" que suporía rebaixar, "como pretende a Xunta", a normativa ambiental para favorecer o crecemento económico após a pandemia.

"Unha cousa é unha economía ligada ao eucalipto e outra un país ligado ao eucalipto"

Outra das carencias que advirten as organizacións ecoloxistas está na falta dun catálogo galego de especies exóticas invasoras. "A ONU sinálaas como unha das tres principais causas de perda de biodiversidade a nivel mundial", alerta Manoel Santos, lembrando que un millón de especies se atopan en perigo de extinción. Ese catálogo debería incluír, aos seus ollos, o eucalipto.

"Entendendo que hai toda unha industria e una economía ao seu redor, pero unha cousa é ter unha economía ligada ao eucalipto e outra é ter todo un país ligado ao eucalipto", argumenta. "Hai que definir até onde chega a superficie deste cultivo, que supera con moito a de todos os plans forestais", salienta, para facerse eco da petición do ecoloxismo para unha moratoria que paralice a plantación. "É unha ameaza clara para a biodiversidade", opina.