Plataformas en defensa das serras da Groba e do Galiñeiro piden o rexeitamento dos partidos aos proxectos eólicos

Serra do Galiñeiro (arquivo).
"Non estamos encontra da enerxía eólica, estamos en contra dos modelos de explotación que explotan recursos para tirar beneficios para grandes emporios", salientan nunha carta enviada aos partidos políticos dos concellos afectados.

As plataformas SOS Groba e Serra do Galiñeiro reivindican, no Día Mundial do Medio Ambiente, a necesidade dunha "maior concienciación sobre a nosa terra, os nosos montes e serras, que despois de milleiros de anos de uso e abuso, vénse nesta primeira parte do século XXI ameazados por intereses especulativos e a ameaza real da súa transformación radical pola implantación de varios proxectos de parques eólicos e de minería invasiva".

Ambas agrupacións, que son a suma de diversas entidades e colectivos medioambientais, ecoloxistas, veciñais, deportivos e comunidades de montes, inciden no seu rexeitamento aos proxectos da Xunta para as serras do Galiñeiro e da Groba: "Dicimos alto e claro que non, que non queremos máis proxectos especulativos co noso medio ambiente; que queremos mudar de modelo e que queremos que se respecte a terra que nos foi legada polos nosos antepasados, para intentar deixarlle un mundo mellor e máis limpo aos que veñan trás de nós".

Neste sentido, veñen de enviar unha carta a todos os partidos políticos dos concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño, Tomiño, Oia, O Rosal , Baiona e Nigrán afectados polos proxectos dos parques eólicos previstos, co obxectivo de que se "posicionen" publicamente "antes de que se inicie a próxima campaña electoral".

"Non estamos encontra da enerxía eólica, estamos en contra dos modelos de explotación que explotan recursos para tirar beneficios para grandes emporios e intentando mercar patrimonios que non teñen prezo e si moito valor, como son os do medio natural, a paisaxe, o patrimonio cultural e o monte multifuncional explotado polos veciños e comuneiros", salientan na misiva.