O fechamento de Vestas agrava a caída dunha industria eólica "que nunca existiu" na Galiza

Alberto Núñez Feixoo —segundo pola esquerda—, nunha visita á factoría de Vestas en Viveiro (Foto: Xunta da Galiza).
Menos de mil galegos e galegas traballan nas fábricas de equipos e compoñentes dos parques eólicos tras a perda dos 330 empregos de Vestas e Gamesa.

A multinacional dinamarquesa Vestas anunciou nesta segunda feira que fechará a fábrica de aeroxeradores en Viveiro. Hai apenas seis meses, a planta de produción de pas eólicas de Siemens-Gamesa nas Somozas cesaba a produción de forma definitiva, deixando a industria galega orfa na fabricación destes compoñentes.

Vestas abandona A Mariña alegando a "diminución da demanda" dos seus compoñentes, as plataformas de dous megawatts (MW) de potencia, así como pola "necesidade de optimizar a fabricación de compoñentes para a eólica mariña". A empresa cre que a planta viveirense "xa non é sustentábel".

A patronal pide máis MW

Cómpre lembrar que na rexión xa están en funcionamento 26 parques eólicos, cunha potencia total instalada de máis de 580 MW. Aliás, outra vintena de proxectos atópase actualmente en distintas fases de tramitación a través da Xunta da Galiza e o Goberno estatal.

No conxunto da Galiza, que ten operativos perto de 4.000 MW de enerxía eólica, presentáronse nos últimos meses arredor de 200 novas solicitudes de instalacións eólicas. A Administración galega xa aprobou desde 2019 dez declaracións de impacto ambiental (DIA) e concedeu doce autorizacións administrativas para novos proxectos.

Porén, a patronal do sector, a Asociación Eólica da Galiza (EGA), ve "claramente insuficiente" a actual aposta no sector. "Aínda así, algúns manteñen unha oposición sistemática á enerxía eólica, que é a principal arma que temos na nosa terra para loitar contra o cambio climático, así como unha ferramenta decisiva para atraer investimentos, xerar emprego e riqueza e, en definitiva, mellorar a nosa calidade de vida", sostén, nun comunicado.

No seu informe Impacto económico e social do sector eólico na Galiza, publicado o pasado ano, a EGA cifra en 4.886 os empregos directos derivados do sector en 2019, dos que apenas 479 corresponden á explotación dos propios parques —máis de 170 en todo o territorio galego—. E, no que atinxe á fabricación de equipos e compoñentes, son 1.294 os postos de traballo, aos que agora cómpre restar os máis de 330 que sumaban as factorías de Gamesa e Vestas. Ambas as empresas recibiran subvencións millonarias do Estado e a Xunta.

"A industria eólica nunca existiu na Galiza"

Alstom, Coruñesa de Composites, Danigal, Ventogal, Emesa... Na última década botaron o fechamento na Galiza máis dunha decena de fábricas produtoras de compoñentes para os parques eólicos. O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, remitiu en maio ao seu homólogo na Moncloa, Pedro Sánchez, a súa proposta dun Pacto de Estado por Ferrol, cuxa principal aposta é a conversión da comarca nun polo industrial de fabricación de infraestruturas para a eólica mariña. Precisamente Ferrolterra concentraba, unha década atrás, 20% das plantas de compoñentes eólicos do Estado.

"Non é que a industria eólica vaia desaparecer agora co fechamento de Gamesa e Vestas, senón que na Galiza nunca existiu máis aló de momentos puntuais cando despegaba o sector e se ofrecían axudas", explica a Nós Diario o profesor de Economía Aplicada da USC Gonzalo Rodríguez.

De cara ao futuro, afirma que xa se está a producir un proceso de "deslocalización" das fábricas: "Nalgúns dos parques que se están a construír hoxe as pas xa veñen da China. Confiar na fabricación de compoñentes eólicos como solución á crise industrial do país nunca foi unha proposta moi realista", di.

Con todo, Rodríguez salienta que a Galiza precisa "incrementar a produción de enerxía renovábel", mais advirte que será un proceso a longo prazo: "Require formular unha serie de consensos que non se poden improvisar, temos que discutir como se van compensar os impactos negativos, porque a xente cede as súas terras e paisaxes... a cambio de que?", cuestiona.