As familias reclaman que siga o rescate en Terranova e acusan o Estado e mailo Canadá de "mentir"

Familiares dos mariñeiros do 'Vila de Pitanxo' asisten á xuntanza coa subdelegada do Goberno estatal en Pontevedra, Maica Larriba. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
As familias acusan o Goberno estatal e o do Canadá de mentir para xustificar o abandono das tarefas de busca dos corpos dos mariñeiros desaparecidos no Vila de Pitanxo, e exixen que se reactive a operación.

“Sentímonos decepcionadas, abandonadas, defraudadas, non sabemos que facer”, transmitiu onte María José Pazos, filla dun dos mariñeiros desaparecidos no naufraxio do Vila de Pitanxo, tras reunirse as familias da tripulación que aínda non foi atopada coa subdelegada do Goberno estatal en Pontevedra, Maica Larriba, horas antes do encontro que tiñan previsto co presidente do Executivo, Pedro Sánchez.

Os familiares cualificaron de “demoledora” a xuntanza con Larriba, tanto pola falta de avances que lles comunicou como pola carencia de resposta ás súas peticións, durante a xornada de loito oficial a nivel estatal.

“Estamos en tempo de desconto”, reiterou Pazos, que reclamou a Sánchez que dea as ordes precisas para enviar efectivos á zona do naufraxio, a 450 quilómetros da costa de Terranova (Canadá), ademais de medios para que poidan efectuarse inmersións e rastrexos submarinos “cando sexa seguro”.

Cando xa se fixo a primeira semana desde o sinistro, as familias remitiron por medio de Larriba unha carta a Sánchez na que lle solicitan “que non descargue a súa responsabilidade con respecto ás 12 persoas que están no fondo do mar, ou onde estean”.

Ao tempo, propuxeron que o Estado compense economicamente aos pesqueiros que están na zona do naufraxio para que continúen centrándose no rastrexo, após as declaracións do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, nas que anunciaba que enviaran unha mensaxe a estes barcos para que amais “do seu labor pesqueiro, permaneceran vixiantes por se podían atopar algún dos corpos”.

“Non nos poden mentir máis”

Coa chegada dunha nova borrasca á zona do naufraxio a cuarta feira estanse a intensificar as reclamacións para reactivar unha operación de rescate que quedou suspendida o 16 de febreiro. Carolina Alcántara, muller de Jonathan Calderón, un dos mariñeiros desaparecidos, acusou o Canadá de “mentir” ao alegar o mal tempo na zona para non continuar co rescate.

Porén, despois de conversar cun mariñeiro que está faenando na zona, Alcántara defendeu que “o tempo é normal”, e exixiu que a xuntanza programada con Sánchez permita avanzar e non só facerse “unha foto”. “O día que saian do Estado os barcos a buscalos, veremos se nos facemos a foto”, resolveu.

As persoas achegadas aos mariñeiros tamén sinalan cara ao Goberno presidido por Pedro Sánchez, e lembran que o afundimento se produciu en augas internacionais, onde o Estado podería actuar. “Atrévase a dicir que non vai ir buscar e así as familias non terán que estar facendo iso", sinalou Julio Torres, próximo a Samuel Kwesi, un dos tres superviventes.

Pola súa parte, Pazos culpou o Estado polas contradicións nas súas declaracións, din que “o Canadá non lles deixa entrar aos barcos para o rastrexo, é mentira, existen convenios internacionais de auxilio, somos xente de mar pero sabemos ler, preguntar e asesorarnos”, concluíu.

Tamén a armadora, o Grupo Nores, apoia que continúen os traballos de busca na zona.

O Canadá reactiva a operación

Pola súa parte, Sánchez aseverou onte que unha vez haxa condicións “favorábeis”, o Canadá reactivará a procura dos falecidos no mar. A pesar diso, rexeitou responder as preguntas sobre se valoraban enviar medios do Estado para proseguir coa busca.

Despega o avión de Terranova cos superviventes

Malia que estaba prevista a chegada do avión militar estatal coas tres persoas rescatadas e cinco dos corpos recuperados ás 18 horas a Compostela, até as 19 horas non se informou de que se atopaba a piques de despegar de Saint John de Terranova, após un atraso para facer trámites burocráticos.

Asemade, isto provocou mudanzas na axenda, por mor de que á hora da chegada o presidente estatal, Pedro Sánchez, tiña programado recibir os mariñeiros e xuntarse coas familias.