O Boletín Oficial do Estado español (BOE) recolleu o sábado a declaración do loito oficial que gardará o Estado desde ás 00.00 horas até as 23.59 horas desta segunda feira, polo falecemento de nove mariñeiros e a desaparición doutros doce, apos o afundimento do 'Vila de Pitanxo' no mar de Terranova.
Durante todo o día de hoxe, as bandeiras dos edificios públicos e dos buques da Armada española ondearán a medio mastro "como testemuño da dor do Estado español e en sinal de condolencia coas familias e demais persoas achegadas aos falecidos e desaparecidos do naufraxio".
A decisión foi adoptada no Consello de Ministras da pasada sexta feira, após a vicepresidenta primeira do Goberno español, Nadia Calviño, promovese a proposta.
Despois da reunión ministerial, a portavoz do Executivo español e ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, sinalou que con esta declaración tamén pretenden mostrar o seu "apoio" ao sector pesqueiro polas condicións de "penosidade" nas que traballan os profesionais.
Reunión Pedro Sánchez-familiares
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, que estará en Santiago de Compostela para recibir os tres sobreviventes do naufraxio e cinco dos nove corpos que puideron ser recuperados, manterá previsibelmente un encontro no aeroporto Rosalía de Castro-Lavacolla cos familiares dos doce mariñeiros aínda desaparecidos.
Os familiares agardan poder reunirse con Sánchez para trasladarlle o seu desexo de que se retome a busca dos seus achegados, que o propio Sánchez asegurou após o comprpomiso das autoridades canadenses de retomar a busca "cando as condicións meteorolóxicas o permitan".
Asemade, pediranlle que destine "medios específicios" a estes labores de procura dos mariñeiros, xa que polo de agora o Estado español só se puxo en contacto con tres pesqueiros galegos que faenen na zona do naufraxio para que "extremen a vixilancia".
O encontro entre o presidente do Goberno é os familiares terá lugar após a multitudinaria manifestación deste domingo en Marín, convocada polos propios achegados dos mariñeiros desaparecidos, e na que insistiron en que non se deterán até "renovar a búsqueda canto antes".