Demandan que a Xunta estude as causas da maior incidencia da COVID-19 nas residencias de maiores

Residencia San Carlos de Celanova en Ourense (Rosa Veiga / Europa Press).

O Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (Modepen) pediu un estudo epidemiolóxico nas residencias de maiores que clarifique o alto grao de mortalidade pola pandemia da COVID-19.

O alarmante dato de falecementos en residencias de maiores que trouxo a pandemia da COVID-19 está no punto de mira de moitos colectivos. O Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (Modepen) transmitiu este sábado a súa preocupación polas causas destas mortes e a particularidade de que haxa máis cantidade nas residencias privadas que nas públicas.

“A sociedade civil galega e as autoridades da Xunta precisan identificar cales son os factores de risco que determinan o exceso de doentes e persoas falecidas asociadas por esta causa que vivían nas residencias galegas de maiores e dependentes”, explicaba a Nós Diario o médico e epidemiólogo Francisco Vázquez Vizoso, membro deste colectivo.

Este é o motivo principal polo que demandan que o Goberno galego realice un “estudo exhaustivo agora que ten os casos e a documentación recente”.

Desde Modepen lembran que con esta información se poderá afrontar a segunda onda da epidemia que fontes científicas sitúan no mes de outubro deste mesmo ano. Cos datos deste informe “pódense introducir melloras que incrementen a seguridade e calidade das nosas residencias”, aseguran.

Maior incidencia nas residencias privadas

Na Galiza o virus da COVID-19 está asociado até agora á morte de 1,3% das persoas que vivían nas residencias de maiores. “Trátase dunha mortalidade importantísima, mais afortunadamente moito menor que a que houbo no conxunto do Estado (4,7%) e da masacre ocorrida en Madrid, onde a enfermidade asóciase á morte de 12,0% das persoas que vivían en residencias”, sinala Vizoso.

Desde Modepen critican que a actuación informativa da Xunta da Galiza foi “escurantista” a diferenza do que ocorreu  en países próximos, como Portugal.

“Non sabemos de que residencias proceden a metade das súas usuarias e usuarios que morreron fóra nos hospitais e Residencias Integradas”, indica Vizoso.

Segundo datos recollidos por Modepen a mortalidade ocorrida nas residencias de xestión plenamente pública foi de 1 morto entre 3.369 prazas, moi inferior á que ocorreu nas que teñen xestión privada que foi de 131 persoas mortas de 18.253 prazas, neste último caso se incluíndo os falecementos e as prazas nas residencias de titularidade pública mais de xestión privada en réxime de concesión.

“A probabilidade de morrer por COVID-19 nas residencias de xestión privada foi 24,18 veces maior que nas residencias de xestión pública”, resume Vizoso. Por este motivo “urxe un estudo pois só sabendo os motivos desa alta mortalidade poderemos prepararnos mellor para que a seguinte onda”, engade.