As visitas ás residencias de anciás, adiadas até que entre en vigor a Fase 2

Residencia de maiores Porta do Camiño, en Compostela (Xunta).

A Xunta estudará esta semana abrir as escolas infantís.

As residencias de maiores e de persoas con discapacidade da Galiza non permitirán visitas xa esta segunda feira, ao contrario do que anunciara Núñez Feixoo a pasada sexta feira, posto que o Boletín Oficial do Estado (BOE) recolle expresamente que isto só é posíbel a partir da fase 2 do desconfinamento.

Con todo, o presidente da Xunta anunciou este domingo que exporá ao Ministerio de Sanidade que estes centros poidan abrir "a mediados desta semana". No caso de que o Goberno estatal non o permita, a apertura posporíase ata que Galiza entre en Fase 2, o que non ocorrerá até, como mínimo, o 25 de maio.

Feixoo tachou de "improvisación" que este sábado o BOE recollese a reapertura das visitas en residencias "soamente" para a fase 2 do desconfinamento, na que entrarán este luns as illas da Gomera, El Hierro e La Graciosa, en Canarias; e Formentera, en Baleares.

"Antes non estaba regulado e agora, a partir da fase 2, si está regulado", criticou o presidente galego, despois de que o seu Goberno xa tivese previsto comezar o desconfinamento esta segunda feira de máis do 80% dos centros --aqueles que levan 15 días sen casos de COVID-19 e están en municipios con baixo índice de contaxios--, con visitas de familiares unha vez por semana e con cita previa.

Escolas infantís

Preguntado acerca de cando reabrirán as escolas infantís de cero a tres anos, apuntou a que "non hai unanimidade" entre a Sociedade Española de Pediatría, aínda que os profesionais do comité da Consellería de Sanidade están "a favor" se "os pais queren levar os seus nenos" aos centros.

Así, indicou que a Xunta "asumirá a súa responsabilidade" e valorará ao longo desta semana abrir as gardarías tras consultar tanto á Pediatría galega como á española.