As familias dos doce desaparecidos exixen ao Goberno español "medios específicos" para a súa busca

Familiares dos mariñeiros desaparecidos en Terranova ás portas da Subdelegación do Goberno español en Pontevedra. (Foto: Beatriz Ciscar/Europa Press)
Aseguran que a vixilancia dos tres pesqueiros galegos que seguen na zona do naufraxio nace pola "vergoña" da inacción do Goberno español.

Familiares dos 12 mariñeiros desaparecidos tras o naufraxio do 'Vila de Pitanxo'  agradeceron a "solidariedade" dos tres barcos pesqueiros que seguirán na zona do afundimento, máis exixen ao Goberno que destine "medios específicos" para proseguir coa súa busca.

As declaracións producíronse tras unha reunión de case dúas horas coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, da que os familiares aseguraron saír coas "mans baleiras".

A voceira das familias e achegados, María José de Pazo, filla do xefe de máquinas desaparecido, lamentou que "cada hora que pasa é máis difícil". Cualifican de "tortura" que o Goberno español lles dea "outra vez palabras, pero feitos ningún".

Entenden que non están a pedir "nada fóra do normal, que o Estado español mande algún medio". De Pazo tamén mostrou a súa desconfianza do compromiso do Canadá de reaunudar a busca dos 12 mariñeiros, xa que "se houbese esa intención concretaríanse prazos".

"Solidariedade entre compañeiros"

Os familiares sinalan que os tres barcos pesqueiros galegos que o Ministerio de Pesca informou que ían seguir na zona do naufraxio "non están para a busca, van a estar a traballar e se atopan algún cadáver ou falecido, o recuperarán, pero especificamente non é un barco de rescate, van a estar a faenar".

Asemade, sinalan que a vixilancia deses tres pesqueiros nace "por iniciativa propia". Algúns son amigos dos mariñeiros falecidos e desaparecidos, polo que "pediron aos seus capitáns colaborar". "Pola solidariedade entre compañeiros", engadiu Aura, parella doutro dos mariñeiros do 'Vila de Pitanxo'.

Tamén apuntan á "vergoña" dalgúns destes mariñeiros pola inacción do Goberno español como motivo para seguir no mar de Terranova. "Pensan que se lles pasara a eles, deixaríanos igual",, sinalou o irmán doutro dos mariñeiros.

As familias afirman que a solidariedade dos pesqueiros que nas primeiras horas tras o naufraxio iniciaron cos labores de salvamento conseguiu que "haxa tres sobreviventes".