Comeza o recoñecemento forense dos falecidos no naufraxio do 'Vila de Pitanxo'

Coches fúnebres que trasladarán os falecidos do 'Vila de Pitanxo'. (Paul Daly/Europa Press)
As autoridades canadenses e españolas axilizan os trámites para a repatriación dos tres sobreviventes e os nove falecidos.

As autoridades canadenses comezan co recoñecemento forense dos falecidos polo naufraxio do pesqueiro 'Vila de Pitanxo', despois de que o buque do Canadá 'Nexus' aportase nesta sexta feira en Saint John de Terranova con dous dos nove corpos recuperados.

Á espera de que o 'Praia Menduíña 2' tome terra este sábado, os mariñeiros falecidos serán trasladados á morgue para desenvolver o recoñecemento forense e a expedición do certificado de defunción por parte das autoridades competentes.

Unha vez estes traballos rematen, os nove corpos serán levados de xeito individual á funeraria. O traslado farase baixo a supervisión presencial do cónsul xeral do Estado español en Montreal e o cónsul honorario de Saint John.

Antes de que se poida repatriar os cadáveres, o Consulado Xeral deberá levar a cabo a inscrición das defuncións no libro de falecementos do Rexistro Civil, co obxectivo de desenvolver a repatriación das vítimas con todas as garantías, rigor e dilixencias e a máxima celeridae posíbel".

Chegada do 'Praia Meduiña 2'

A pesar de que a súa chegada ao porto canadense de Saint John estaba prevista inicialmente para as 16.30 horas desta sexta feira, finalmente o buque 'Praia Menduíña 2', a bordo do cal están os tres sobreviventes e sete dos corpos atopados após o naufraxio do 'Vila de Pitanxo', arribará na mañá deste sábado.

As condicións meteorolóxicas adversas do mar de Terranova obrigaron o buque pesqueiro a ralentizar a súa marcha.

A Xunta, a través da embaixadora do Canadá no Estado español, púxose en contacto coas autoridades canadenses da zona de Saint John, a fin de solventar calquera problema coa política migratoria do país que poida dificultar a chegada do 'Praia Menduíña 2' a porto canadense.

Repatriación dos sobreviventes

No caso dos tres mariñeiros sobreviventes do naufraxio, deberán cumrir todas as formalidades de inmigración e de aduanas do Canadá antes de poder regresar á Galiza.

O Consulado Xeral xa informou de que lles facilitará a tramitación burocrática que precisen, ademais de que estenderá aos tres membros da tripulación do 'Vila de Pitanxo' a documentación necesaria para viaxar.

Pola súa parte, o Goberno galego xa trasladou ao Estado a petición de que frete un avión para poder traer de volta tanto os tres mariñeiros sobreviventes como os nove mariñeiros falecidos.