As familias mobilízanse para retomar a busca dos doce mariñeiros: "Non os imos abandonar"

Concentración fronte á sede da Subdelegación do Goberno estatal en Pontevedra (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
María José de Pazo, filla do desaparecido xefe de máquinas do 'Vila de Pitanxo', lamenta a "dor e o estrés" das familias, que se enteran das novidades "polo Goberno do Canadá". "Isto é aínda cravarnos máis a dor. Non hai humanidade. Non están a facer nada; por favor, reaccionen xa!", sentencia.

A suspensión da procura do 'Vila de Pitanxo' mobilizou esta sexta feira ás familias das vítimas do naufraxio. Varios representantes dos tripulantes desaparecidos reclamaron esta mañá fronte á sede da Subdelegación do Goberno estatal en Pontevedra que se retome a busca de forma inmediata, que se contraten medios ou se envíen desde o territorio español.

"Eu son cidadá do Canadá ou do Estado español? Onde está España?", preguntouse María José de Pazo, filla do xefe de máquinas, Francisco de Pazo, un dos desaparecidos no naufraxio. Xunto con outras familias realizou un acto simbólico de apoio ás familias e exixiu unha reunión coa subdelegada, Maica Larriba, coa que sentaron para abordar a situación.

As familias piden "feitos" e que o Goberno estatal "reaccione". "Cada hora que pasa é un mundo alí; por favor, a que se espera? Fago un chamamento aos ministros, teñen que estar implicados e non o están", exhortou De Pazo, quen se dirixiu expresamente ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, aos ministros de Exteriores, Defensa, Transportes e á de Traballo, a galega Yolanda Díaz. Así, citou a unha viúva que se lamentaba de que "non haxa eleccións", porque, "se as houbese, estarían aquí o presidente Sánchez, a ministra de Traballo...".

"Son doce traballadores que están a ser abandonados, que perderon a súa vida polo seu traballo e as súas familias. Onde está a ministra galega?", cuestionou. As familias queren unha maior implicación, que o Goberno do Estadio convoque unha reunión urxente, que se poñan en contacto coas familias e que "se poñan de acordo para enviar avións e fragatas ou que contraten medios alí".

Tamén expuxo a opción de compensar economicamente ás empresas que teñen alí barcos para que poidan colaborar nos labores de busca, como xa fixeron nas primeiras horas diferentes embarcacións "de forma gratuíta, porque non custa nada, porque empatizan". "Ten que haber un diálogo, un interese. Estamos abandonados, non temos información", lamentou. María José de Pazo afirma que é "inaudito" que reciban a información polo Goberno do Canadá antes que polo de España. "Onte [pola quinta feira] non nos informaron de nada, por iso hoxe vimos aquí", salientou a filla do xefe de máquinas, quen urxiu "respostas xa; feitos, non palabras".

"Que non se dea 'carpetazo'"

"Queremos propostas, non que se dea 'carpetazo'. Queren arquivar isto e nós non os imos a abandonar", aseverou De Pazo, que se preguntou por que se pode mandar unha fragata a Ucraína e non a buscar a compatriotas dun naufraxio, a respecto  do que lembrou que son cidadáns dun barco de pavillón español e estaban enrolados na Capitanía de Marín.

"Por que se pode enviar unha fragata a Ucraína e non buscar compatriotas dun naufraxio?", cuestiona a filla do xefe de máquinas

"Eu só veño, como os meus compañeiros, a buscar solucións. É unha dor e un estrés ter unha perda e ver que hai viúvas con nenos pequenos, e andar suplicando. Isto é aínda cravarnos máis a dor. Non hai humanidade. Non están a facer nada, por favor, reaccionen xa!", proclamou María José de Pazo.

Outro dos achegados ás vítimas do naufraxio que se achegou esta sexta feira á concentración é Kevin, fillo da parella de Rogelio Franco, quen levaba uns 18 anos traballando no barco e era axudante de cociña, segundo relata o mozo. "A resposta que queremos é que se reanude a procura e recuperar os corpos. É o único que pedimos agora mesmo", defendeu.