A familia de Andrea solicita xudicialmente o seu dereito a unha morte digna

A vida da nena "durante todos estes anos non foi, nen moito menos, doada", di o pai. "A ver se o final pode ser algo máis doce". 

 

"É a hora dos xuíces". Así se expresou o avogada da familia de Andrea, a nena de 12 anos atinxida por unha enfermidade neuro-dexenerativa ingresada no CHUS e para a que a súa familia reclama unha morte digna. O seu pronóstico é certo, porén, o servizo de Pediatría do hospital de Compostela rexeita retirarlle o soporte artificial que lle suministra nutrintes directamente no estómago, o que a mantén con vida. 

Neste senso, a familia presentou unha demanda xudicial na que reclaman a supresión dese soporte en aras de garantir unha morte digna para Andrea que, din, "continúa mal", "con picos de dor fortes", un estado que se prolonga desde "os últimos meses, as últimas semanas" e "os últimos días", sinalou Antonio Lago, o pai. "A vida de Andrea durante todos estes anos non foi, nen moito menos doada", por iso, defenden que teña un "final [...] algo máis doce". "Resúltame indignante que teñamos que chegar a esta situación". 

"Resúltame indignante que teñamos que chegar a esta situación"

A negativa do servizo de Pediatría do CHUS a retirar a alimentación artificial, en contra do informe favorábel do Comité de Bioética e da vontade familiar, elevou o caso á xustiza e re-abre máis unha vez o debate social, e mesmo político, a respeito do dereito a morrer. Embora, cumpre lembrar, existir unha lei en vigor na Galiza desde xuño deste ano na que se recolle como tal para aquelas persoas doentes de enfermidades terminais, caso da nena. 

O propio servizo de Pediatría derivou nos xulgados a decisión última e após a demanda presentada pola familia "é a hora dos xuíces". Así pois a familia anunciou que pasará a "un segundo prazo" á espera da resolución que podería chegar, din, en "sete ou dez días".